Augas de Galicia comezou a executar este martes actuacións de conservación e mantemento nun tramo fluvial de algo máis de 1,3 quilómetros do río Umia, ao seu paso polo concello de Caldas de Reis.
As tarefas, que se desenvolverán na parroquia de Santo André de Cesar e que xa foron comunicadas ao Concello, consistirán na retirada de árbores caídas e biomasa para retirar atoamentos.
Os traballos prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras, podadoras e rozadoiras, e co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e mais un camión.
Unha vez finalizadas as obras programadas, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas favorecendo as condicións naturais do ecosistema do río.
ESTRADA DE FONDÓS A BUGARÍN
Por outra banda, en Cerdedo, o remate do asfaltado en quente do tramo da estrada de Fondós a Bugarín, na parroquia de Quireza, é o último paso para que se dea por concluída a mellora da EP-7102 que está a levar a cabo a Deputación Provincial de Pontevedra, titular da vía, cun investimento duns 500.000 euros.
Unha vez finalizada esta fase, so queda que a vindeira semana poranse as barreiras de seguridade, pretiles e se efectuará a sinalizacion horizontal e vertical desta estrada que verá mellorada sensiblemente a súa fisonomía e seguridade vial despois desta intervención e mellora integrais.
A ampliación de Ponte Faroso e ampliación da plataforma de rodadura ata acadar unhas dimensións de 7 metros de ancho foron as principais intervencións desta obra así como a mellora do sistema de drenaxe e canalización das augas pluviais.