Augas de Galicia realiza labores de conservación no río Tomeza

Pontevedra
29 de maio 2024

As tarefas céntranse nun treito de preto de 600 metros e inclúen a roza puntual e selectiva de arbustos e a retirada de árbores e biomasa na canle para evitar atoamentos  

Augas de Galicia realiza labores de conservación no río Tomeza
Augas de Galicia realiza labores de conservación no río Tomeza / Xunta de Galicia

Augas de Galicia comezou a executar este mércores actuacións de conservación e mantemento no río Tomeza, ao seu paso polo concello de Pontevedra. 

Os traballos desenvolveranse en preto de 600 metros da canle fluvial, nas parroquias de San Pedro de Tomeza e San Martiño de Salcedo, áreas nas que a Xunta ten competencias xa que están fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

As tarefas consisten na retirada de árbores e biomasa presente no leito do río para evitar atoamentos, así como en labores de roza selectiva de arbustos, co fin de reducir a súa competencia coas especies arbóreas propias do bosque de ribeira.

As actuacións, que xa foron comunicadas ao Concello de Pontevedra, prolongaranse durante aproximadamente dúas semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións como tractores e un camión.