Augas de Galicia obrigará a Ence a consumir a metade de auga pola seca

Pontevedra
11 de novembro 2017

Será durante un tempo "indeterminado", segundo sinalan desde o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e, en todo caso, estará relacionado coa situación na que se atope o caudal do Lérez nas próximas semanas

Fábrica de Ence
Fábrica de Ence / Mónica Patxot

A seca e o baixo caudal do río Lérez levou a Augas de Galicia a tomar a decisión de reducir á metade a cantidade de auga que Ence ten permitido captar para desenvolver a súa produción industrial en Lourizán.

Será durante un tempo "indeterminado", segundo sinalan desde o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente e, en todo caso, estará relacionado coa situación na que se atope o caudal do Lérez nas próximas semanas.

Augas de Galicia lembra que o consumo industrial como o de Ence, coa excepción da acuicultura ou as compañías hidroeléctricas, ocupa o quinto posto entre as prioridades de usos marcadas polo Plan Hidrolóxico Nacional. A primeira, engaden, é garantir o recurso necesario para o abastecemento doméstico.

Ence aseguraba recentemente ter "ralentizado" a súa produción para reducir o consumo de auga mentres dure a actual seca, cifrando nun 20% a diminución do seu consumo. Esta situación, explican, non supoñerá paralizar a súa actividade.

Esta medida será explicada aos nove municipios que foron convocados a unha reunión o vindeiro luns. Trátase de todos os concellos da conca do Lérez: Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Vilaboa, Campo Lameiro e Forcarei.

Non se descarta que, tras analizar a situación en cada un destes municipios, se tomen medidas adicionais para restrinxir o consumo de auga na comarca.

Arquivado en