A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes, asinaron este xoves nas instalacións da lonxa de Campelo un convenio de cooperación para mellorar o estado da rede de saneamento municipal.
O acordo contempla 4,03 millóns de euros para investir ata o ano 2027.
Augas de Galicia destinará á execución do proxecto máis de 3,6 millóns de euros procedentes de fondos cofinanciados pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder 2021-2027) e o Concello de Poio terá que aportar arredor de 402.000 euros.
De todos os traballos previstos, Ángeles Vázquez sinalou como a obra central a execución dun depósito de retención de auga, deniminado tanque de tormentas, previo ao bombeo da Seca.
Esta infraestrutura é clave para optimizar todo o sistema xa que a súa función é almacenar as primeiras augas de chuvia, que son as que arrastran toda a sucidade acumulada nas rúas e no asfalto, e evitar así que se alivien directamente.
Tamén se renovarán os bombeos do Porto de Campelo e Mirador e completarase a adecuación do bombeo da sede central de Froiz para mellorar o seu funcionamento.
A conselleira destacou que con estas obras na rede de saneamento de Poio contribuirase a incrementar a calidade das augas da ría de Pontevedra, xa que as augas residuais desta zona recibirán o tratamento adecuado contibuindo así á protección do medio ambiente e ao desenvolvemento sostible da contorna.
A responsable autonómica de Medio Ambiente informou que o proxecto xa está redactado e agora estase a traballar para poder licitar as obras “antes de que remate o ano”.