Augas de Galicia defende que ENCE "non contamina" ante os reproches de En Marea pola mortalidade de marisco

Pontevedra
11 de maio 2017

Carmen Santos sostivo que os altos niveis de contaminación presentes na ría, unidos á "incapacidade ou deixadez" das administracións públicas para realizar un plan de saneamento efectivo da mesma, está levando á ruína aos mariscadores da zona

Fábrica de Ence en Lourizán
Fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

O grupo parlamentario de En Marea levou este xoves ao Pazo do Hórreo a necesidade de medidas inmediatas para acometer o saneamento da ría de Pontevedra e evitar a mortandade de marisco derivada dos "elevadísimos niveis de contaminación" das augas.

Fronte a estas acusacións, a Xunta defendeuse e defendeu á empresa Ence, cara á que se derivan a maior parte das críticas pola situación das augas da ría. O director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, asegurou en resposta que a pasteira "non contamina".

A encargada de presentar o tema foi a vicevoceira de En Marea, Carmen Santos, que preguntou á Consellería do Mar na comisión de Pesca do Parlamento. En resposta, segundo recolle En Marea a través dun comunicado, o director xeral de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, negou que a Ría se atope nunha situación crítica e centrou a solución  ao problema en investimentos futuros derivados dos fondos FEDER.

Ademais, Roberto Rodríguez, indicou que as medicións "continuas e periódicas" realizadas por Augas de Galicia conclúen que "Ence cumpre os parámetros de verteduras" e "non xera un impacto contaminante na ría". Segundo indicou, "o impacto microbiolóxico" non é de orixe industrial.

Carmen Santos sostivo que os altos niveis de contaminación presentes na ría, unidos á "incapacidade ou deixadez" das administracións públicas para realizar un plan de saneamento efectivo da mesma, está levando á ruína aos mariscadores da zona.

A deputada de En Marea considera que a contaminación da ría vese reflexada na capacidade produtiva dos campos marisqueiros xa que, por exemplo, entre os 2009 e 2016 as capturas de ameixa babosa reducíronse un 88,47%, as de ameixa fina un 60,52% e as de berberecho un 97,1%.

"Estes resultados demostran que estamos ante un problema real, non ante interpretacións", sinalou Santos, para engadir que "deixar morrer a todo un sector do que dependen centos de postos de traballo directos e outros tantos indirectos representa unha irresponsabilidade por parte de todas as Administracións públicas".