Augas de Galicia contempla unha presa en Cotobade como medida estrutural contra a seca

Pontevedra
13 de decembro 2017

A única medida estrutural contra a seca contemplada por Augas de Galicia para a conca do Lérez é a construción da denominada presa de Dorna, un encoro de regulación previsto desde hai anos en Cotobade pero que nunca se chegou a executar polo seu posible impacto ambiental e o seu elevado orzamento

Reunión dos concellos da conca do Umia con Augas de Galicia
Reunión dos concellos da conca do Umia con Augas de Galicia

A única medida estrutural contra a seca contemplada por Augas de Galicia para a conca do Lérez é a construción da denominada presa de Dorna, un encoro de regulación previsto desde hai anos en Cotobade pero que nunca se chegou a executar polo seu posible impacto ambiental e o seu elevado orzamento. Así o confirmou este mércores o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez.

Con motivo da seca na conca do Lérez están previstas "diversas medidas", de tipo conxuntural, algunhas das cales xa se adoptaron como foi reducir á metade o consumo na captación de Ence.

"Medidas estruturais para esta conca a única que existiría sería, e xa se valorou hai moito tempo, é a posibilidade de facer algún tipo de presa augas arriba", declarou Roberto Rodríguez.

"Evidentemente esa non é unha solución de emerxencia senón valorable a medio e longo prazo", engadiu. Respecto doutras decisións de "incidencia directa", Roberto Rodríguez puntualizou que "dun día para outro", para alongar a garantía de subministración de auga hai dúas opcións: "que chova, que non depende de nós, e o aforro", admitiu.

Augas de Galicia está a abordar a adopción de medidas das aforro recollidas no Plan da Seca para situacións de emerxencia cos diferentes concellos afectados, no caso deste mércores foi cos municipios que teñen captacións na conca do río Umia, nun encontro celebrado na delegación territorial da Xunta en Pontevedra. "As decisións vanse adaptando segundo o escenario que se establece", apuntou Roberto Rodríguez.

"En paralelo estamos a traballar a medio e longo prazo", porque "o cambio climático veu para quedar" e as administracións teñen que adaptarse a estas novas circunstancias. "Sería un erro gravísimo pensar que coa borrasca da semana pasada acabouse a seca", insistiu Roberto Rodríguez. 

 

Arquivado en