O organismo Augas de Galicia confirmou ao Concello de Ponte Caldelas o arquivo definitivo do expediente de obras aberto o ano pasado para a execución do transvasamento do río Verdugo dende o salto da central eléctrica de Laforet, en Ponte Caldelas, ata o sistema de abastecemento a área de Vigo en Aranza (Soutomaior).
Segundo deu a coñecer o Concello a través dun comunicado, a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, confirmoulle este anuncio oficial ao alcalde, Andrés Diaz, no marco do Comité de Autoridades Competentes, órgano colexiado encargado da coordinación entre as distintas institucións involucradas na planificación hidrolóxica na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
O órgano reuniuse este mércores en Santiago e Andrés Diaz aproveitou a reunión para volver reclamar o arquivo definitivo do expediente do transvasamento, ao que Teresa Rodríguez xa lle adiantou que fará as necesarias comprobacións, pero que, ao seu entender, quedou xa pechado no momento en que Augas de Galicia renunciou a tramitalo polo procedemento de emerxencia.
O Concello de Ponte Caldelas lembra que se pediu un informe de compatibilidade urbanística no marco dun procedemento ordinario posterior, polo que por "pulcritude administrativa" debería notificarse oficialmente o fin do procedemento e o seu arquivo.
Segundo informou o Concello, "Teresa Gutiérrez comprometeuse a revisalo, aínda que, na súa opinión, este asunto está pechado". Ademais, engade que, a día de hoxe, Augas de Galicia, en liña cos estudos previos do ano 2011, defende reforzar o abastecemento de Vigo cunha obra de planificación ordinaria consistente nun transvasamento dende o río Miño.