Auga, lume, danzas esotéricas, personaxes máxicos... Benvidos á Feira Franca máis mística!

Pontevedra
05 de setembro 2015

O espectáculo inaugural da festa, dunha hora de duración, apostou por unha ambiciosa posta en escena a cargo de cinco compañías de España e Portugal que gañou en espectacularidade e que congregou miles de persoas na Ferrería

Espectáculo inicial da Feira Franca 2015
Espectáculo inicial da Feira Franca 2015 / Diego Torrado

Chegou a Feira Franca 2015 ao grande. Literalmente. O espectáculo inaugural da cita anual de Pontevedra coa Idade Media incluíu na noite deste venres tres personaxes máxicos sobrevoando as cabezas das miles de persoas que se congregaban na praza da Ferrería, a acróbatas descolgándose dende unha grúa de varios metros de altura, lumes de artificio que coroaron o escenario, chorros de auga que se lanzaron ao aire no medio da noite pontevedresa. Un espectáculo 'de altura' en todos os sentidos co que Kull d'Sak, Troula, Roxie Produções, Pablo Méndez performances e Pedro Volta fixeron honra á temática elixida para a festa este ano, a alquimia, e deron a benvida á súa edición máis mística.

O espectáculo, dunha hora de duración, deixou atrás os diálogos e explicacións pormenorizadas da súa anterior edición e apostou pola vistosidade. Tras un pequeno achegamento a que é a alquimia que chegou, precisamente, dun alquimista que se subiu ao escenario, e despois dunha contextualización da ciencia do porvir e os seus fundamentos na química, a ciencia e a filosofía, a maxia se apoderou do ambiente. Chegaron as danzas esotéricas rodeadas de lume, as combinacións de luces que se proxectaron nos edificios de pedra da céntrica praza e os xogos coa auga e o seu poder obnubilante.

Non faltaron un mago ilusionista, lumes artificiais e os personaxes máxicos tan asociados á disciplina da alquimia, pero todos aderezados cun toque de espectáculo no que os momentos que espertaron maior ovación do público estiveron unidos ás acróbatas-fadas que sobrevoaron a praza: "Mamá, mira o que están a facer, están tolas!", vociferaban os nenos. Primeiro chegaron resgardadas nunha flor branca, brillante e cegadora. Continuando a exhibición presumiron das súas habilidades acrobáticas máis puras. E para poñer o toque final, foi a quenda de tres seres máxicos que ben poderían ser ninfas ou sereas, pero, de todos os xeitos, marabillaron o público.

Miles de persoas encheron as cadeiras instaladas pola organización en á Ferrería, amontoáronse nas escaleiras do antigo edificio de Facenda e da igrexa de San Francisco, sementaron os xardíns de Casto Sampedro e as prazas de Ourense e A Estrada, salpicaron todas as ventás e balcóns que dan á praza. O Concello deu un paso máis, apostando por unha ambiciosa posta en escena a cargo de cinco compañías de España e Portugal que gañou en espectacularidade fronte ao ano 2014. E o público non saíu defraudado. A sensación maioritaria dos asistentes resumíaa, xa abandonando a praza, unha nai con nenos: "O ano que ven é imposible que o fagan mellor, máis espectacular".

Ás 23.35 horas, coas luces apagadas e a praza en silencio, a Feira Franca 2015 dábase por inaugurada.

Arquivado en