A alcaldesa de Marín, María Ramallo, fixo balance da xestión municipal durante o 2024 nun almorzo informativo, que xa é tradicional por estas datas, que se celebrou na Bailona, no Paseo Alcalde Branco.
Nesta ocasión, esta dación de contas supuxo un repaso ás obras máis importantes deste exercicio e a posta sobre a mesa das prioridades de cara ao ano que está por vir.

María Ramallo, acompañada polos concelleiros Pablo Novas e Marián Sanmartín, sinalou que "2024 foi un ano estable, no que traballamos arreo por manter a mesma liña que comezamos no arranque do mandato", empezou dicindo a rexedora, que quixo destacar como primeiro punto do balance a aprobación do Orzamento para 2025, que precisamente este martes foi publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
"En todos os meus anos, non lembro aprobar un orzamento neste prazo e por iso estou orgullosa da xestión, a pesar das dificultades que temos actualmente os concellos a nivel de financiamento", explicou Ramallo.
O 2024 en Marín foi, ademais, "un ano de obras, xa que varias que son clave coincidiron na súa execución, pois dependemos doutras administracións e de cofinanciacións".
A humanización da Avenida de Ourense e Concepción Areal son as principais, que se suman, en materia de infraestruturas ao Centro Sociocultural, que será unha realidade en maio de 2025, prazo de execución do proxecto, despois dun investimento de 5,8 millóns de euros.
"Agora hai que darlle contido e programación, e xa avanzo que non vai ser toda gratuíta, como en todos os auditorios da contorna", dixo a alcaldesa. "Temos moitas ganas de ter un espazo como este, porque levamos toda a vida tendo que montar lugares improvisados ao aire libre como o Multiusos, que non deixa de ser un patio", recoñeceu.
Melloras na contorna do Carballal, a renovación total dos servizos en Pedreiras, o arranque das expropiacións da senda peonil do Campo-Pardavila, ou a mellora do pavimento e a ordenación viaria na Barriada Virxe do Carme, son outras obras e actuacións que conformaron o tempo e a xestión deste 2024.
OBRAS PARA 2025
A alcaldesa tamén anunciou o propósito de iniciar en 2025 en Portocelo a mellora do Vial de Praias, aínda que previamente "se actuará na parte final do Forte" rematando esta fase de humanización. "É unha contorna privilexiada, pero cremos que require dunha posta a punto e unha mellora importante", explicou Ramallo.
Tamén está en marcha e "ao longo do ano 2025 vai ser realidade", a recuperación medioambiental do cemiterio de chalanas. Este xoves sairá a licitación a mellora da contorna desta dársena que se acondicionará para actividades náutico-deportivas.
"Cremos moito neste proxecto. Tivo os seus detractores, pero explicámonos desde o principio con total transparencia. Tivo unha serie de alegacións que foron contestadas. Creo que agora mesmo hai máis expectativa que rexeito", dixo a rexedora.

APARCADOIRO SUBTERRÁNEO
A preguntas dos xornalistas, a alcaldesa tamén falou da creación de prazas de estacionamento no centro urbano. Por agora trátase de paliar a situación establecendo rúas con horario limitado ou zonas de dúas horas no centro urbano xunto coa habilitación de distintos solares como aparcadoiros disuasorios en lugares como O Inferniño. "Parcela que conseguimos e acondicionamos, parcela que se enche", comentou Ramallo.
Así se irá liquidando o problema mentres non se atope a fórmula que faga viable economicamente a unha empresa privada a construción dun parking subterráneo de dúas plantas no Parque Eguren.
A alcaldesa explicou que "se convidou a varias empresas do sector para que fixesen unha valoración ao respecto diso, pero a construción e explotación do uso non resulta do todo rendible. Estamos a lle dar voltas ao esquema que se adoitaba expor noutros sitios para buscar financiamento público a través dunha subvención para achegar aos custos da construción. O ano que vén por estas datas saberemos máis sobre este tema".
"O problema de aparcadoiro o é en Marín e en todas as localidades dun tamaño parecido", recalcou.
PRINCESA DE ASTURIAS
Ademais, Ramallo referiuse tamén á presenza da Princesa de Asturias, Leonor de Borbón, na vila. "Por suposto é un acontecemento que marcou este ano e que nos deu unha visibilidade moi grande". De entre todos os lugares que podía escoller, decidiu vir, tal e como fixo o seu pai, á nosa Escola Naval, o noso Campus universitario, para completar a súa formación militar e iso sempre é un motivo de orgullo para a nosa vila, coa que xa estableceu lazos".
"Para Marín é relevante, un prestixio e unha publicidade positiva gratuíta". Por iso, no último Pleno do ano, aprobouse o expediente para nomeala como a primeira Filla Adoptiva da vila. Ramallo informou de que aínda non hai data para o acto de entrega desta distinción no que "o normal é que ela estea", indicou. "Será un acto sinxelo e o normal é que sexa no propio Concello".