A Deputación de Pontevedra acaba de gañar o premio de ouro do Japan World’s Tourism Film Festival tras ser seleccionada por primeira vez na súa historia como finalista polo audiovisual da súa campaña Cando volves?
O vídeo, presentado en FITUR para atraer visitantes especialmente ao interior da provincia de Pontevedra, venceu tras pasar unha primeira selección.
Foi escollido entre máis de 1.100 candidaturas procedentes de todo o mundo tras recibir unha alta puntuación por parte do xurado.
Cando volves? foi a vendedora absoluta das preto de 60 candidaturas que competiron na categoría internacional do festival xaponés, un dos que forman parte do CIFFT (Comité International des Festivals du Film Touristique).
O ano pasado o audiovisual da campaña 100% Rías Baixas conseguiu, no marco deste circuíto, recoñecementos por parte do Terres Travel Festival de Tortosa (medalla de prata ao mellor spot turístico) ou nos premios Cannes Corporate Media & TV (onde conseguiu ser finalista).
Cando volves? é unha obra audiovisual na que os lugares do interior da provincia teñen todo o protagonismo, dentro dunha campaña onde tamén se fala da hospitalidade e o carácter acolledor da xente.
A Deputación escolleu este ano o interior de Pontevedra debido a que queda moito da provincia por descubrir.
Convida así os turistas a achegarse a el en diferentes ocasións ao longo de todo o ano, tendo tamén en conta que a desestacionalización é un dos obxectivos principais do destino.