Audasa deberá devolver a metade das peaxes a 21 condutores afectados polas obras de Rande por "incumprimento de contrato"

Pontevedra
03 de novembro 2022

O Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña deu a razón a 21 afectados que alegaban un incumprimento defectuoso do contrato por parte de Audasa. O Tribunal Supremo ten pendente de resolver a causa impulsada desde a Fiscalía de Pontevedra polas supostas prácticas abusivas de Audasa nesa época de obras

Ponte de Rande
Ponte de Rande / Mónica Patxot

Vinte e unha persoas e empresas afectadas polos problemas circulatorios na autoestrada AP-9 durante o tempo que duraron as obras de ampliación da ponte de Rande cobrarán a metade do importe pagado en peaxes. 

Así o acaba de ditaminar o  Xulgado de Primeira Instancia número 12 da Coruña nunha sentencia que chega cando aínda o Tribunal Supremo non resolveu a causa impulsada desde a Fiscalía de Pontevedra polas supostas prácticas abusivas de Audasa nesa época de obras.

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra deu a razón á Fiscalía e os afetados, pero a Audiencia Provincial deulle a razón a Audasa, eximíndoa de ter que devolver as peaxes cobradas e a Fiscalía e os afectados recorreron ante o Supremo. A causa continúa alí atascada.

Esta sentencia que se deu a coñecer este xoves non ten relación coa anterior, que tamén se refería aos atrasos durante as obras efectuadas do 27 de febreiro de 2015 ao 30 de xuño de 2018 no tramo entre os enlaces de Cangas e Teis, incluída a reforma da ponte de Rande.

A resolución da Coruña descarta a similitude entre os dous casos, xa que aínda que os feitos que orixinan as dúas demandas son os mesmos, a acción que se exercitou non o foi. A Fiscalía baseaba o seu pedimento indemnizatorio nunha práctica abusiva por parte de Audasa, mentres que os 21 demandantes o facían baseándose nun incumprimento defectuoso do contrato por parte de Audasa.

A defensa legal das 21 entidades e persoas demandantes correu a cargo de Xoán Antón Pérez-Lema Avogados e Consultores e estes letrados deron a coñecer a sentenza,

O xuíz considera probado que as obras impediron que Audasa ofrecese un correcto servizo ás persoas usuarias da autoestrada. Para a parte demandante, isto supón un incumprimento de contrato.

A sentenza recoñece especificamente que "resulta evidente e notorio" que "non se circula igual cando hai obras que cando non as hai" e, polo tanto, o servizo "non se prestou en idénticas condicións ás que se presta cando non hai obras".

O propio informe pericial achegado por Audasa recoñece, e así o sinala a sentenza, que se adoptaron restricións na circulación normal e que se levaron a cabo accións puntuais sobre o tráfico.

A sentenza recoñece ademais, en contra do criterio de Audasa, que as persoas demandantes non contaban con ningunha alternativa de circulación á autoestrada, toda vez que os itinerarios posibles implicaban tempos de desprazamento aínda máis lentos que a propia vía de pagamento en obras.

"A concesionaria xoga coa posibilidade teórica, e real, de utilizar outra alternativa, pero, na práctica, isto é peor, aínda, que utilizar a autoestrada durante a realización das obras", recolle a sentenza.

Os afectados reclamaban a devolución íntegra das tarifas cobradas, pero a sentenza só recoñece o 50% do importe cobrado. Recoñece que a devolución íntegra dos importes pagados pola peaxe durante as obras "rompe o equilibrio das contraprestacións dos contratantes", motivo polo que se estiman parcialmente os argumentos dos demandantes.

A sentenza non é firme e cabe recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña.

O prazo para instar reclamacións deste tipo é de 5 anos dende o pagamento da peaxe. Por tanto, sería posible a interposición de demandas futuras por este mesmo feito durante o final das obras (entre finais do ano 2017 e febreiro do ano 2018).