Atrasos de 15 minutos nos trens de proximidade ao seu paso pola estación de Pontevedra

Pontevedra
25 de xullo 2013

Os primeiros trens desta mañá do 25 de xullo están circulando con atrasos de aproximadamente un cuarto de hora ao seu paso por Pontevedra e con escaso número de pasaxeiros

As principais incidencias que se están a rexistrar a primeiras horas desta mañá na estación de trens de Pontevedra céntranse no atraso de apróximadamente un cuarto de hora nas viaxes de proximidade que proceden de Santiago e de Vigo. Polo momento, tampouco se están a vender billetes en despacho nin en Internet para algunhas das viaxes de longo percorrido como o establecido entre a estación de Vigo Guixar e a de Bilbao-Arando porque, segundo fontes consultadas na propia estación, polo momento están á espera de de novas indicacións en relación con algúns destes traxectos. Aquelas persoas que xa tiñan adquiridos os billetes, non obstante, non encontrarán problemas para realizar as viaxes tal e como tiñan previsto.

Os cambios están propiciados porque varios trens foron desviados cara á estación de Pontevedra como o Alvia 351 Madrid Chamartín-A Coruña, o Alvia 11851 Madrid Chamartín-Ferrol e o Trenhotel 853 A Coruña-Chamartín e o Trenhotel 851 Chamartín-A Coruña que tamén pasarán, ao ser desviados, por Pontevedra.

Ás 7:30 desta mañá, na estación de Pontevedra encontrábase un tren Alvia con destino a Madrid para o que tampouco se vendían billetes nin na estación nin a través da web de Renfe na que se indica que "El tren consultado no se encuentra disponible para la venta en estos momentos. Inténtelo de nuevo más adelante y disculpe las molestias".

A presenza de viaxeiros foi moi escasa durante as primeiras horas prara realizar viaxes en tren dende a estación pontevedresa.