Atrasan a homenaxe os fusilados en 1936 para facela coincidir coa inauguración da súa escultura

Pontevedra
10 de novembro 2014

Así o acordaron os responsables das concellarías de Cultura, Anxos Riveiro, como responsable da celebración da efeméride, e o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, impulsor da realización desta peza escultórica

Monolito na rúa Doce de Novembro
Monolito na rúa Doce de Novembro

Os actos conmemorativos do 12 novembro, data na que se lembra o exemplo de loita pola democracia e a liberdade dos 10 pontevedreses fusilados no ano 1936, atrasaranse durante uns días para facelos coincidir coa instalación do conxunto escultórico conmemorativo que está a realizar o escultor pontevedrés Sergio Portela.

Así o acordaron os responsables das concellarías de Cultura, Anxos Riveiro, como responsable da celebración da efeméride, e o tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, impulsor da realización desta peza escultórica.

Pontevedra contará así, nunha esquina do espazo popularmente coñecido como a pasarela, cun elemento artístico permanente para significar o fito histórico que concluíu coas tráxicas mortes de Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luís Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, José Adrio, Víctor Casas, Juan Rico e Ramiro Paz.

Por outra banda, os dous departamentos municipais acordaron aproveitar estes actos, en cumprimento dun recente acordo plenario, para render tamén homenaxe a todo o persoal municipal que sufriu represión polo seu apoio ao goberno democrático da República.