Atracan un hotel de Vilalonga finxindo ser gardas civís

Sanxenxo
18 de marzo 2025
Actualizado: 16:40

O dono deulles acceso á caixa forte do hotel, da que os dous falsos axentes, aos que se sumaron despois outros dous asaltantes encapuchados, levaron unha "importante cantidade de diñeiro"

Patrulla da Garda Civil en Sanxenxo
Patrulla da Garda Civil en Sanxenxo / Diego Torrado

A Garda Civil investiga o atraco que sufriu o pasado domingo un hotel de Sanxenxo, ao que accederon catro persoas que se fixeron pasar por gardas civís que debían realizar un rexistro nas instalacións.

Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva que o asalto se produciu sobre o nove da noite no Hotel Pinar, un establecemento de dúas estrelas situado na parroquia de Vilalonga.

O seu propietario, despois de que dous dos atracadores, que levaban chalecos similares aos que emprega a Garda Civil, se identificasen como axentes, fiouse deles e deixoulles entrar.

Deulles ademais acceso á caixa forte do hotel, do que estas dúas persoas, ás que se sumaron despois os outros dous asaltantes xa encapuchados, levaron unha "importante cantidade de diñeiro".

Os autores do atraco non empregaron a forza física contra o propietario do hotel, que non resultou ferido durante o asalto, no que saquearon as oficinas do establecemento.

As autoridades activaron un dispositivo de procura para tratar de localizar aos asaltantes.