Atopan un pontevedrés de 78 anos morto dentro dunha cuba de viño en Portas

Umia
21 de setembro 2024

Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva que o corpo da vítima non presenta signos de violencia. Á espera da autopsia, que revelará a causa da morte, a principal hipótese que manexan os investigadores é que o home faleceu ou ben polos vapores da fermentación ou ben por sufrir un infarto

Patrulla da Garda Civil
Patrulla da Garda Civil / Mónica Patxot

Un pontevedrés de 78 anos apareceu morto no interior dunha cuba de viño. Foi sobre as oito da tarde de onte. O cádaver estaba nunha leira do lugar do Rial, en Portas.

Fontes da investigación confirmaron a PontevedraViva que o corpo da vítima non presenta signos de violencia e que "en principio non hai nada raro".

O home, que tiña unha adega en Portas e residía en Pontevedra, estivera vendimiando pola mañá nunha leira próxima.

Ao chegar ao lugar, tras ser alertados por unha chamada, os axentes xa o atoparon morto dentro da cuba de fermentación do viño.

Á espera da autopsia, que revelará a causa da morte, a principal hipótese que manexan os investigadores é que o home faleceu ou ben polos vapores da fermentación ou ben por sufrir un infarto.