Atopan o corpo sen vida dunha tercera pasaxeira do autobús accidentado en Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022

Trátase dunha muller cuxo cadáver se atopaba aínda dentro do autobús, segundo informou o 112 Galicia. Membros do grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil, os coñecidos como GEAS, foron os que localizaron o corpo desta terceira vítima mortal

Tarefas de rescate das vítimas do autobús accidentado en Cerdedo
Tarefas de rescate das vítimas do autobús accidentado en Cerdedo / Guardia Civil

O operativo de rescate despregado en Cerdedo-Cotobade tras o accidente do autobús que caeu ao río Lérez na zona de Pedre logrou recuperar, sobre as once da mañá, o corpo sen vida dun terceiro pasaxeiro do autocar sinistrado.

Trátase dunha muller cuxo cadáver se atopaba aínda dentro do autobús, segundo informou o 112 Galicia.

Membros do grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil, os coñecidos como GEAS, foron os que localizaron o corpo desta terceira vítima mortal, que xa foi retirada do vehículo.

As autoridades traballan coa información de que no autobús viaxaban entre seis e oito persoas -sete segundo relatou o propio condutor-, polo que continúan as tarefas de procura de, polo menos, outros dous viaxeiros desaparecidos.

Mentres os mergulladores da Garda Civil e os bombeiros continúan traballando no lugar no que caeu o vehículo da empresa Monbus, que cubría a linea Lugo-Vigo, xa comezou tamén a procura dos desaparecidos por terra e aire.

Así, equipos a pé percorren as marxes do río Lérez para rastrexar as beiras e, ao mesmo tempo, un helicóptero do servizo aéreo da Garda Civil peiteará todo o curso fluvial para tratar de localizar ás vítimas que aínda non puideron ser rescatadas.

O balance provisional que deixa este tráxico accidente é de tres mortos e, polo menos, dous desaparecidos máis. Outras dúas persoas, o condutor e unha das pasaxeiras, foron rescatadas con vida e foron trasladados a senllos centros hospitalarios.

Arquivado en