Atopan o cadáver da muller desaparecida en Vilaboa tras confesar o seu home o crime

Vilaboa
25 de febreiro 2014
Actualizado: 14:13

A parella da vítima, detida o luns en Lugo por un suposto delito de detención ilegal da súa muller, foi enviado a prisión pola xuíza titular do Xulgado de Instrución número 3, tras recoñecer o crime. Foi el quen indicou onde estaba o cadáver. As forzas da orde encóntranse en alerta para evitar incidentes coa familia do presunto asasino, de etnia xitana como a vítima

Vivienda de Figueirido na que a vítima residía desde hai meses
Vivienda de Figueirido na que a vítima residía desde hai meses / CRTVG

O corpo da muller desaparecida o pasado domingo en Vilaboa (Pontevedra) foi localizado este martes, segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). En concreto, apareceu no municipio coruñes de O Pino, situado entre Curtis e Teixeiro, segundo fontes da Garda Civil.

O cadáver foi localizado nunha pista forestal do monte de Gonzar, un pouco apartada da estrada, e presentaba varias coiteladas. Foi trasladado ao anatómico forense para que se lle practique a autopsia, pero o procesado tería confesado que recolleu á súa muller en Vilaboa, a levou en coche ata esta zona e a matou cunha arma branca sen saír do vehículo para, a continuación, tiralo na zona de bosque na que apareceu o cadáver.

A Garda Civil deu co corpo grazas ás indicacións de seu marido. O home, que responde ao nome de José Luis Cortiñas Romero e ten 43 anos, foi detido o luns en Lugo. Foi enviado a prisión pola xuíza titular do Xulgado de Instrución número 3 da capital lucense tras recoñecer o crime. Impútaselle un delito de homicidio.

As forzas da orde encóntranse en alerta para evitar incidentes coa familia do presunto asasino, de etnia xitana como a vítima. Trátase de María Luisa Jiménez Jiménez, que se atopaba embarazada, segundo fontes da investigación.

A muller, de 37 anos de idade, nai de seis nenos, desapareceu o domingo en Vilaboa e, segundo sinalou a Garda Civil, "terceiras persoas" indicaron que "o ano pasado puido sufrir un episodio de malos tratos no ámbito familiar". A vítima, contactada no seu día por efectivos do Corpo Nacional de Policía de Lugo para ratificar os feitos, non quixo presentar denuncia contra a súa parella, negando posibles episodios violentos por parte do mismo.

A denuncia da desaparición desta muller, natural do poboado do Vao (Poio) e con residencia en Lugo, foi presentada o mesmo domingo na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra por un familiar. A vítima recentemente se trasladara a vivir coa súa irmá a Vilaboa porque tiña problemas co seu home, co que ten seis fillos en común.

FALA A FAMILIA DA VÍTIMA

Desde que se coñeceu a noticia da súa desaparición, a familia de María Luisa, coñecida popularmente como 'La Lupe', apuntaron sempre ao seu home como presunto responsable. Así o reiterou a súa nai, María de la O Jiménez, con quen a vítima levaba convivindo desde que abandonou o fogar conxugal en Lugo, no programa La mañana de La 1, presentado por Mariló Montero, no que foi entrevistada antes de que aparecese o cadáver.

"Se llevaban un poquito mal", explicou a nai aos reporteros de TVE. "Por el día no se sentía nada, pero por las noches él le daba y mi niña estaba muy asustada". Asegurou que María Luisa sentía "temor" cara ao seu home. "Me dijo que no quería irse con él para Lugo porque la iba a matar, estaba muerta de miedo", segundo María de la O, que se desprazou ata Curtis, a zona na que inicialmente se buscaba o corpo da súa filla.

Con respecto ao día da súa desaparición, asegura que o presunto homicida "vino derecho para mi casa y se llevó a la fuerza a mi hija". Con ela quedáronse os catro fillos pequenos da parella. Pero María de la O asegura que José Luís enganou á súa filla para que se fora con el, xa que "le dijo que había pasado algo en Lugo" co único obxectivo de matala e posteriormente desfacerse do seu cadáver, segundo a muller.

Ademais, a nai da vítima apunta a un móbil para este crime: o embarazo de María Luisa. Era o sétimo fillo que ía ter a parella, pero a boa nova fixo incrementar, presuntamente, os episodios de malos tratos. "Ella estaba embarazada y por eso la mató", relata, xa que, ao parecer, "él creía que el niño no era de él, quería hacerse las pruebas". Sospeitaba, segundo María de la O, do seu propio irmán. "Se celaba mucho de él", concluíu.

CONCENTRACIONS EN VILABOA E MARÍN

Os municipios de Vilaboa e Poio gardarán mércores 26 de febreiro cinco minutos de silencio por María Jiménez. O CIM de Poio, membros da corporación e traballadores do concello, concentraranse no exterior do centro de servizos sociais (Casa Rosada) xunto cos veciños que queiran sumarse a este acto simbólico de solidaridade coas vítimas e as súas familias, e de denuncia e reivindicación da erradicación da violencia machista.

En Vilaboa, o Goberno local e membros da Corporación, acompañados dos membros dos servizos sociais e demais traballadores do concello concentraranse no exterior do edificio do concello ás 12.30 horas, xunto con todos os veciños e veciñas que queiran sumarse a este acto de solidariedade coa víctima e os seus familiares, e de repulsa e denuncia da violencia de xénero.