As obras de mantemento que se están realizando na igrexa parroquial de San Ginés, en Sanxenxo, permitiron descubrir unha serie de murais e restos de sepulturas de hai máis de 500 anos. O achado, segundo informou o Concello de Sanxenxo, produciuse na coñecida como Capela da Presentación.
Cos traballos a piques de finalizar, xa se poden apreciar os restos de pintura e uns escudos heráldicos do século XVI, sendo estes uns dos escasos exemplares que se conservan en Galicia.
Para chegar ás pinturas foi necesario retirar o retablo e a primeira das sorpresas chegou co descubrimento dunha lápida cun escudo de propietario descoñecido.
Posteriormente, desmontouse a mesa do altar. Ao fondo víanse restos de pintura, que aos poucos foron sendo máis claros. Resultaron ser dous escudos familiares e unha pintura de chan renacentista, que vían a luz por primeira vez despois de moitos anos.
Os restauradores, Sandra Domínguez e Andrés Martínez, explicaron que para restaurar estas pinturas primeiro fíxose unha fixación das mesmas ao muro, para asegurar os restos con morteiro de cal e area. Despois fíxose unha limpeza de toda a zona e amorterouse todo para deixalo a un mesmo nivel.
A falta de policromía das pinturas recuperouse cunha técnica de reintegración con acuarela.
Este achado súmase a outras pinturas dos séculos XVI e XVIII noutras partes do templo, e, tal e como apuntaba o historiador José Manuel Abel Expósito, estes restos murais e as sepulturas pertencen ás familias fundadoras da igrexa de San Ginés "e quizais da propia vila de Sanxenxo".
Ata o momento, investíronse na restauración do templo pequeno de Sanxenxo 36.600 euros, na imaxe de San José, na Capela da Presentación, no control das termitas, reparación do tellado, caños, da instalación eléctrica, do campanario e nesta pintura mural e escudos descubertos durante os últimos traballos.
Aínda queda por facer para a restauración completa da igrexa, como é a reparación da cúpula, e descubrir todo o que pode haber detrás dos outros retablos, ademais de solucionar os problemas de humidade existentes.