Nos montes de Cábado e Montouto, entre os concellos de Campo Lameiro, Cuntis, A Estrada e Cerdedo-Cotobade, apareceu o que ven a ser "a poboación mais grande de Lycopodiella inundata de toda Galicia" polo seu número de individuos e extensión, segundo Martiño-Fiz López Lindoso, biólogo e botánico de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza).
A Lycopodiella inundata é un fento de pequeno tamaño en perigo de extinción que vive en turbeiras e pantanos, "nas brañas", que son humidais protexidos pola directiva Hábitat da Union Europea.
Este hábitat é moi sensible á degradación pola apertura de pistas que poden drenalas así como outras transformacións que ocasionan que estea en clasificada como "en perigo de extinción" en Galicia según o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
Este achado foi feito por Manuel Abalo Carballo, bombeiro forestal e gran coñecedor deses ecosistemas de media montaña do interior pontevedrés. "Cando fixen o meu traballo de fin de ciclo, en Medio Forestal na Escola de Capataces de Lourizán, xa camiñara moito eses lugares, e a atopara este fento de casualidade. Mais segundo ía visitando a zona, ían aparecendo mais e mais... A min tamén me sorprendeu que sexa a poboación mais grande de Galicia, a verdade".
Que teña aparecido esta gran poboación é unha gran nova para a biodiversidade galega, algo que "pode ser debido ao bo estado de conservación das brañas destas montañas", finaliza.
Este descubremento vai ser notificado á Consellería de Medio Ambiente coa intención de poder protexer esta planta en perigo de extinción do desenvolvemento eólico plantexado na zona.
"Hai cinco grandes parques eólicos proxectados xusto onde está esta importante poboación. Isto pode significar a desaparición deste pequeno fento, pois como di a propia dirección xeral de patrimonio natural, a Lycopodiella é moi sensible ás infraestructuras derivadas da posta en funcionamento dos parques eólicos, como os camiños que abren, as estradas ou mesmo as áreas erosivas", recalcaron membros do Colectivo do Vento, unha asociación ambiental veciñal de Campo Lameiro.