Atención, adolescente, a droga crea adicción e tamén pode acabar en sanción!

Ponte Caldelas
26 de febreiro 2018

As actividades do Plan Director da Garda Civil chegaron a 101 estudantes de entre 14 e 16 anos do IES de Ponte Caldelas. Os estudantes, todos eles en plena adolescencia, "descoñecían o tema legal, non eran moi conscientes das consecuencias legais da tenencia ou consumo de substancias na vía pública"  

Charla do Plan Director da Garda Civil no instituto de Ponte Caldelas
Charla do Plan Director da Garda Civil no instituto de Ponte Caldelas / Guardia Civil

Consumir droga ou favorecer que outros o fagan pode parecer unha actividade pouco ou nada nociva a ollos dun adolescente, pero trátase dunha acción tremendamente adictiva e, ademais, o cultivo, elaboración, tráfico e posesión de drogas e todas as actividades que promovan, favorezan ou faciliten o seu consumo están cualificados como delito no Código Penal e a Lei de Protección da Seguridade Cidadá establece sancións administrativas de carácter grave para o consumo ou a tenencia en lugares públicos. 

É unha información básica que pode actuar como elementos disuasorio para axudar a previr este tipo de actividades e, ademais, unha información que moitos adolescentes descoñecen. Este luns, resultou un dato sorprendente para os estudantes de terceiro e cuarto curso de ESO do instituto de Ponte Caldelas que acudiron a unha das actividades do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas da Garda Civil. 

O sarxento Francisco Javier Márquez, comandante do posto da Garda Civil de Ponte Caldelas, foi o encargado de impartir a charla, que levou a 101 estudantes de entre 14 e 16 anos información, consellos e advertencias relacionadas co alcol e as drogas e, en xeral, sobre adiccións. 

"Informar y prevenir" é, segundo o sarxento, a finalidade deste tipo de actividades, que en cursos pasados xa chegaran a este instituto de Ponte Caldelas con outras temáticas como violencia de xénero ou o uso da internet e os riscos asociados ás novas tecnoloxías. 

Nesta ocasión, os alumnos puideron saír da charla cunha visión global sobre os distintos tipos de drogas e as consecuencias do seu consumo e, á vista das preguntas e dúbidas que trasladaron ao axente da Garda Civil, sorprendidos por decatarse de que coquetear con estas substancias tamén lle pode valer un castigo penal ou administrativo a pesar de que son menores de idade. 

Segundo o sarxento Márquez, "todo el tema de la tenencia de drogas le llama la atención. ¿Qué pasa si les cogemos con drogas? ¿Qué consecuencias tiene?". Advertilos de todos os perigos para a saúde e a nivel legal destas substancias é unha forma de previr calquera tipo de conduta adictiva.

Os estudantes, todos eles en plena adolescencia,  "desconocían el tema legal, no eran muy conscientes de las consecuencias legales de la tenencia o consumo de sustancias en la vía pública" e "les resulta chocante que impliquen multas".  

A charla tamén serviu para que este formador do Plan Director da Garda Civil de Pontevedra lles dese consellos relacionados co alcol e as drogas. A recomendación fundamental é evitar todo tipo de contacto con estas substancias, pero, no caso de que iso non se logre evitar, outras indicacións como chamar ao teléfono de emerxencias 112 no caso de que teñan coñecemento dun caso de intoxicación ou poñerse en contacto cun adulto ou coas forzas de seguridade se detectan algún caso entre os compañeiros.