Ata xullo non haberá polbo fresco

Bueu
15 de maio 2022

A veda do polbo en Galicia comeza o 20 de maio e remata o 4 de xullo. Deste xeito queda expresamente prohibida a captura desta especie en augas nas que a comunidade ten competencias, incluíndo a pesca marítima de recreo

Preparación do polbo
Preparación do polbo /

A veda do polbo en Galicia comezará o próximo 20 de maio e rematará o 4 de xullo de 2022. Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2022-2023 e que publicou o Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Nela establécese que o período de prohibición da captura desta especie durante este ano vai das 16.00 horas do venres 20 de maio ás 05.00 horas do martes 4 de xullo. Non obstante, as capturas desembarcadas o 20 de maio poderán ser comercializadas tamén o 21 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. 

Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura deste cefalópodo con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo. 

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan da especie coa finalidade de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano que entra en vigor o próximo 20 de maio e permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir do 4 de xullo -día no que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura da especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádense 30 quilos ao día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos por xornada. No resto da campaña a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, aos que se engaden 50 quilos por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilos por xornada de traballo.