Ata o xoves non chegará o anticiclón

Pontevedra
17 de xuño 2024

Na segunda metade desta semana irá diminuíndo progresivamente a probabilidade de choiva, ao ir gañando Galicia influencia anticiclónica, mentres tanto a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou unha alerta amarela por choiva ante a entrada dunha fronte atlántica este luns

Imaxe de satélite
Imaxe de satélite

Na segunda metade desta semana irá diminuíndo progresivamente a probabilidade de choiva, ao ir gañando Galicia influencia anticiclónica, mentres tanto a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) activou unha alerta amarela por choiva ante a entrada dunha fronte atlántica este luns.

As provincias de Pontevedra e A Coruña serán as máis afectadas. Espéranse acumulacións de 40 litros por metro cadrado en doce horas.

Segundo detalla a previsión de Meteogalicia, a nosa Comunidade quedará este luns na influencia das baixas presións situadas ao oeste. As temperaturas terán un lixeiro ascenso. O vento soprará moderado de compoñente sur, con intervalos fortes no litoral atlántico pola tarde.

O martes seguirá sendo unha xornada de inestabilidade atmosférica por aire frío en capas altas. Con esta situación, espéranse intervalos nubrados con chuvascos, localmente tormentosos e ocasionalmente fortes, máis probables na segunda metade do día. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas continuarán sen cambios. Os ventos soprarán do suroeste, frouxos en xeral.

Novamente, o mércores espérase que sexa outra xornada de gran inestabilidade atmosférica, con intervalos nubrados e chuvascos localmente tormentosos, máis probables na segunda metade do día. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas continuarán sen cambios, baixas para a época do ano. Os ventos soprarán frouxos, de compoñente norte en xeral.