Ata o 5 de abril permanece aberto o prazo de inscrición na Escola Infantil do campus

Pontevedra
23 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Ofértanse 51 prazas para o vindeiro curso e unha porcentaxe vai reservarse a fillos e fillas de integrantes da comunidade universitaria

Campus de Pontevedra
Campus de Pontevedra / DUVI UVigo

Catro aulas e 51 prazas é a oferta establecida pola Escola Infantil do campus de Pontevedra para o próximo curso 2024-2025. 

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 5 de abril, segundo o calendario fixado pola Xunta de Galicia. Reservarase unha porcentaxe das prazas para os fillos e fillas do profesorado, persoal e alumnado da Universidade de Vigo.

A Escola Infantil, que dirixe Ángeles Rodríguez, contará cunha aula de 0-1, con sete prazas; dúas aulas de 1-2, que suman un total de 25 prazas; e unha de 2-3 anos, con 19 prazas. Ademais súmanse tres reservadas, unha por curso, para casos de emerxencia social, segundo a información facilitada polo DUVI.

A preinscrición está accesible tanto de maneira telemática, a través da sede electrónica da Xunta, como de forma presencial. 

No caso do persoal e do alumnado da Universidade de Vigo deberán presentar tamén documentación acreditativa de que son membros da comunidade universitaria. 

Unha vez finalizado o prazo de preinscrición, o 6 de maio publicarase a listaxe provisional de menores admitidos. O 31 de maio será a publicación da lista definitiva despois de atender alegacións.

A matrícula deberá facerse efectiva entre o 1 e o 14 de xuño.