O Entroido regresa a Poio, como vén sendo habitual, pola porta grande. Case un mes de festexos e actividades converterán ao municipio en parada obrigada para aqueles que queiran facer gala do bo humor, a retranca e das súas ganas de divertirse. Trátase dunha programación chea de propostas lúdicas en todas as parroquias e que foi presentada este venres pola concelleira de Festas, Lida Salgueiro.
A edil, que estivo acompañada por representantes das comparsas do municipio Os 100tolos e Os Canecos -Samieira faltou por problemas de axenda-, lembrou o gran "arraigo" que esta festa ten en Poio e agradeceu o traballo desinteresado que fan numerosos colectivos e asociacións que participan na súa organización "ampliando a oferta festiva e de lecer para estes días" e con propostas para todas as idades.
O Entroido comezará o sábado 7 de febreiro co Desfile do Galo Bruxo, que partirá ás doce da mañá de Arén e chegará ata Río de Bois, organizado pola SCD Samieira; mentres que ás cinco da tarde dará comezo na praza da Granxa de Campelo do tradicional desfile de entroido que, seguindo o percorrido tradicional, chegará ata A Seca onde haberá unha fin de festa amenizada pola orquestra Anduriña.
En total, repartiranse 3.780 euros en premios. Os grupos e comparsas interesados en participar poderán inscribirse no Concello de Poio a partir do próximo mércores 27 de xaneiro; mentres que as parellas e os que decidan disfrazarse de forma individual poderán facelo ata o mesmo día do desfile, unha hora antes de que arrinque a comitiva.
O Ateneo de Combarro tomará o relevo o martes 9 de febreiro co baile infantil que terá lugar ás 17.00 horas no local da comunidade de montes; e o xoves 11, día elixido este ano o Enterro do Mexillón, cuxa comitiva partirá desde o centro histórico de Combarro ás oito e media e, tras pasar polo tramo urbano da PO-308, chegará posteriormente ata a Praza dá Chousa.
Pola súa banda, a asociación de veciños de Lourido organizará o sábado 13 o Enterro do Berberecho, a partir das oito e media da tarde desde a rúa Peirao Besada. Á súa chegada ao aparcadoiro da praia de Lourido haberá unha chocolatada. O domingo 14 será a quenda da asociación de veciños de Campelo, que organizarán un baile infantil; e xa o domingo 21 o Entroido chegará a Raxó cun baile de disfraces no centro cultural Xaime Illa.
O sábado 27 de febreiro será o Enterro do Galo Bruxo, que terá o mesmo percorrido que o desfile do día 7 e finalizará cunha nova edición da Festa da Filloa; mentres que o broche de ouro poñerao o sábado 5 de marzo o Enterro do Galo Fodorico, organizado pola ACV Ronsel e cuxo cortexo fúnebre cubrirá o percorrido entre a Praza do Mosteiro e a Praza de Arís, onde se realizará a quinta edición da Festa do Choqueiro con degustacións gastronómicas e a actuación musical do trío Acibeche.
Toda esta programación, segundo Lidia Salgueiro, refórzase coas actividades que se realizarán no diferentes centro educativos do municipio, que organizan as súas propias festas de disfraces e desfiles como o CEIP Espedregada ou o de Lourido.