Ata o domingo hai festa coa Ameixa de Campelo

Poio
19 de outubro 2024

Cunha homenaxe á xente do mar inaugurouse na tarde deste venres a Festa. Tras o acto institucional, os asistentes xa puideron degustar as primeiras racións

Festa da Ameixa 2024 en Campelo
Festa da Ameixa 2024 en Campelo / Concello de Poio

Cunha homenaxe á xente do mar inaugurouse na tarde deste venres a Festa da Ameixa de Campelo.

O Concello de Poio fixo entrega da Ameixa de Prata ás mariscadoras que se xubilaron no último ano e se recoñeceu o papel das persoas que impulsaron esta celebración: Ricardo Collazo, José María Cores, Ricardo Pérez, Pedro Luis Soto, Ramón Blanco, Rafael Caldas, restaurantes Aquí Está, Casa Otilio, Bar Quiniela, Casa Laura, Ángela e José Benito Fernández Carballa.

A título póstumo, tamén se recordou a Emilio Castiñeira, Jaime Pousada e Francisco Villaverde, todos membros da Asociación de Veciños de Campelo, e a Germán Alvariñas Ucha.

Un acto que estivo presidido polo alcalde, Ángel Moldes, contou coa asistencia do presidente da Deputación, Luis López, membros da corporación municipal, representantes das confrarías e das agrupacións de marisqueo, de asociacións culturais, veciñais e deportivas de Campelo e das empresas do sector.

Ángel Moldes agradeceu ás persoas homenaxeadas por "poñer a semente dunha festa que xa é un referente" e que supón "unha oportunidade enorme para Poio" xa que atrae visitantes fóra da tempada alta e pon en valor a cultura mariñeira e marisqueira de Campelo.

Homenaxe a mariscadoras na Festa da Ameixa 2024
Homenaxe a mariscadoras na Festa da Ameixa 2024Concello de Poio

Pola súa banda, o presidente da Deputación afirmou que "se hai algo que fai especial esta festa, aínda que vos sorprenda, non é a ameixa. Sodes as mariscadoras, as visionarias que decidiron organizar a primeira Festa da Ameixa e tamén os que lle deron continuidade".

Tamén se fixo entrega da Ameixa de Prata ás mariscadoras María Elena González, Elvira Padín, Juan Carlos Dacosta e Francisco Javier Ogando, da confraría de Raxó; Peregrina Arís, María Clara Castiñeira, Carmen Castiñeira, Mercedes Castro, Alejandro Cid, María del Pilar Fontán, María del Carmen García, Luis González, Marina Lourenco, Ana Moreira e Josefina Paz, da confraría de San Telmo; e a Eugenia Caeza, Divina Lubián, Benito Martínez, Rosario Santiago e María Eugenia Soutullo, da confraría de Lourizán.

Tras o acto institucional, os asistentes puideron degustar as primeiras racións de ameixa á mariñeira, ameixa con fideos e ameixa con arroz nos postos de venta que, por primeira vez, se abriron xa desde o venres.

Os Chispas do Lérez e Pontis Veteris puxeron a música no certame de Canción Mariñeira.