Ata 800 euros de multa en Soutomaior a quen non recolla os excrementos das súas mascotas

Soutomaior
14 de maio 2024

Isto é debido a que desde hai un tempo detectáronse estas condutas incívicas en varias rúas do municipio. Ademais, os operarios do servizo de limpeza alertaron tamén das inxentes cantidades de cabichas nas beirarrúas e zonas de ocio

Unha muller paseando o seu can por Arcade
Unha muller paseando o seu can por Arcade / Concello de Soutomaior

O goberno municipal de Soutomaior traballa na elaboración dunha nova ordenanza de limpeza e civismo que, entre outras medidas contempla sancións de entre 600 e 800 euros para as persoas que non recollan os excrementos das súas mascotas. 

Isto é debido a que desde hai un tempo detectáronse estas condutas incívicas en varias rúas do municipio. Ademais, os operarios do servizo de limpeza alertaron tamén das inxentes cantidades de cabichas nas beirarrúas e zonas de ocio. 

Coa posta en marcha desta ordenanza tamén se levará a cabo unha campaña de sensibilización para os máis novos co fin de sensibilizalos coa reciclaxe e cun uso adecuado das papeleiras.

Ata que sexa aprobada esa ordenanza, que incluirá as correspondentes sancións, o Concello pediu á Policía Local que teña unha especial atención a actos incívicos como os excrementos caninos, tirar cabichas ao chan ou que se verta lixo fora da papeleira e colectores. 

O alcalde, Manu Lourenzo, sinalou que a "inmensa maioría" da veciñanza de Soutomaior actúa "cun civismo e respecto exemplares", polo que avogou porque "non podemos deixar que os actos incívicos dunha minoría lixen a imaxe e ás rúas do noso concello". 

"Non é admisible que porque unha persoa non recolla os excrementos da súa mascota, outra persoa que, por exemplo, vaia en cadeira de rodas teña que soportar esta situación", subliñou. 

Tampouco, engadiu o alcalde, "que persoas que teñen vivendas e negocios teñan que atoparse día tras día con excrementos nas súas portas", que insta a toda a cidadanía a respectar as normas para manter as rúas nas mellores condicións.