Aspace lanza a campaña "168 horas" para poñer o foco na parálise cerebral

Pontevedra
16 de setembro 2021

O título da campaña fai referencia ao número de horas de apoios humanos que o 80% das persoas con parálise cerebral necesita durante a semana para desenvolver a súa vida

Amencer Aspace súmase ao Día Mundial da Parálise Cerebral na Ferrería
Amencer Aspace súmase ao Día Mundial da Parálise Cerebral na Ferrería / PontevedraViva

O 6 de outubro Aspace celebrará, como cada ano, o Día Mundial da Parálise Cerebral. E farao cunha nova campaña de sensibilización titulada “168 horas” que ten como obxectivo achegar á sociedade as necesidades das persoas con parálise cerebral, que representan o 80% do colectivo. 

Nun documental, que se estreará o día 20 de setembro, a entidade narra o día a día de Nico e Juan Fran, dúas persoas con parálise cerebral e grandes necesidades de apoio. Durante o vídeo, móstranse os apoios familiares e humanos que os dous protagonistas reciben durante unha semana para poder vivir.

“168 horas” consta ademais dun tráiler, que se lanzará previamente ao documental e dun anuncio de 30 segundos, que van emitir as principais televisións nacionais e rexionais.

En canto ás redes sociais, Aspace lanzará o hashtag #168horas para todas aquelas persoas que queiran unirse, visibilizar as grandes necesidades de apoio e facer a campaña viral. Para iso, propoñen á cidadanía facerse unha fotografa tipo selfie cun reloxo, xunto a un texto, destacando a importancia dos apoios para a vida dunha gran parte das persoas con parálise cerebral, e subila ás súas redes sociais o día 6 de outubro co hashtag #168horas.

Na mesma data do Día Mundial da Parálise Cerebral, as entidades Aspace levarán a cabo distintas actividades nas súas cidades.