A concelleira de Seguridade Cidadá de Pontevedra, Eva Vilaverde, fixo balance este luns das incidencias rexistradas durante o temporal que afectou ao municipio nas últimas horas, cualificándoas como "menores".
Segundo informou a edil, as principais actuacións dos bombeiros centráronse en asegurar planchas de edificios descolgadas e obxectos que podían resultar perigosos, así como na recolocación dalgúns colectores de lixo desprazados polo vento.
O incidente máis destacado produciuse na rúa Fernando Olmedo, onde unha "pequena inundación" obrigou ao peche temporal da vía.
A situación resolveuse tras o desatasco dos sumidoiros, que estaban obstruídos por follas arrastradas polo vento, coincidindo coa subida da marea na ría.
Unha vez realizadas as tarefas de limpeza polos servizos municipais, a rúa quedou reaberta ao tráfico.
Tamén se rexistraron incidencias similares na zona do Gorgullón, onde se produciu un desbordamento menor debido ao taponamento dos sumidoiros polas follas, que foi rapidamente solucionado.
Indicou tamén que o Concello está a estudar a situación para evitar que se repita no futuro.
CRUCEIRO DE SAN AMARO
En canto ao cruceiro de San Amaro, que se derrubou o sábado polo vento do sur, Vilaverde confirmou que a estrutura xa estaba valada polo Concello por motivos de seguridade, despois dos últimos desprendementos que se produciron neste elemento patrimonial.
A concelleira destacou que o Concello tiña avisado en reiteradas ocasións ao Arcebispado de Santiago, propietario do cruceiro, sobre o mal estado da estrutura.
"Por sorte, ao estar a zona valada, non houbo que lamentar danos persoais nin materiais, xa que o cruceiro caeu dentro do perímetro de seguridade", explicou Vilaverde, quen engadiu que agora corresponde ao arcebispado intervir na súa reparación.