Asinado o novo acordo laboral na Autoridade Portuaria de Marín

Marín
18 de xullo 2023

O comité de empresa e a dirección da Autoridade Portuaria chegaron a un acordo que figura nun documento onde se recollen melloras en materias como horarios de traballo, permisos retribuídos, concilaición e diferentes pluses retributivos

Terminal de colectores do Porto de Marín
Terminal de colectores do Porto de Marín / Puerto de Marín

O comité de empresa e a dirección da Autoridade Portuaria de Marín asinaron un novo acordo local para actualizar as condicións do persoal que traballa para o porto. 

Este acordo figura no marco do III Convenio Colectivo de Portos do Estado que regular a situación laboral. As negociacións estendéronse ao longo de semanas ata alcanzar o acordo nas últimas horas.

O documento, segundo informa a Autoridade Portuaria, recolle melloras en relación á xornada e horario de traballo; permisos retribuídos; conciliación e diferentes pluses retributivos.

José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria, mostrouse satisfeito por lograr o acordo e agradeceu a "implicación e esforzo por chegar a consensos en beneficio do ben común" durante os encontros dos integrantes da mesa negociadora.

Durante as negociacións, representantes sindicais denunciaban sobrecarga de traballo do persoal ou limitacións para conciliar vida laboral e familiar para os traballadores regulados polo convenio.