Asinado o convenio para a construción dunha senda peonil entre Baión e András

O Salnés
07 de agosto 2024

O presidente da Deputación e o alcalde de Vilanova de Arousa asinaron este martes o acordo para executar a primeira fase de mellora da estrada EP-9701, que inclúe a construción dunha senda peonil

Gonzalo Durán, Luis López e Javier Tourís
Gonzalo Durán, Luis López e Javier Tourís /

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes, xunto co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o convenio de colaboración entre as dúas administracións para a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-9701 coa construción dunha senda peonil entre as localidades de Baión e András. 

Un proxecto que conta cun orzamento total de 962.000 euros, dos que o ente provincial achega o 80 %, uns 770.000 euros; mentres que o Concello corre co 20 % restante, 192.000 euros, así como cos gastos das expropiacións dos terreos que ascenden a 19.200 euros. 

"É un día importante porque vimos cumprir un compromiso co Concello de Vilanova", afirmou o presidente Luis López.

Ambas as administracións traballan nun proxecto para mellorar a mobilidade peonil en toda a estrada EP-9701 entre Baión e András. Pero o acordo asinado este martes céntrase na primeira fase do plan, que consiste nunha intervención para mellorar un treito de 560 metros que porá fin aos problemas de seguridade viaria nunha estrada na que os peóns comparten espazo cun denso tráfico de vehículos a motor. 

Unhas deficiencias que se arranxarán coa construción desta senda peonil, moi demandada desde hai anos pola veciñanza destas dúas localidades, e que ao mesmo tempo servirá para mellorar o pavimento e demais servizos da estrada. O seguinte paso da tramitación será a adxudicación do contrato para poder comezar os traballos. 

"Imos seguir traballando para seguir cumprindo cos compromisos e para ir desenvolvendo as diferentes fases do proxecto cada ano", engadiu López.