O Concello de Pontevedra asinou este venres o convenio de concesión das axudas ás Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) do centro histórico de Pontevedra e de Estribela, que chegan neste ano a súa terceira e oitava fase, respectivamente. En virtude deste convenio, Pontevedra recibirá 1.764.586,03 millóns de euros para distribuír en axudas a particulares para mellorar as súas vivendas e para facer investimentos no espazo público.
Ao respecto do casco histórico de Pontevedra, a contía é de 1.496.033,50 euros de investimentos coa terceira fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) e de 268.552,53 euros para Estribela.
No caso do centro histórico, os fondos serán asumidos en porcentaxes polo Ministerio de Fomento (33,03%), a Xunta de Galicia (11.73%) e o Concello de Pontevedra (9,98%), e os particulares nun 45,26%.
A contía destinada á rehabilitación é de 1.229.284,88 euros e a reurbanización é de 75.000 euros. O resto vai destinado ao equipo técnico de xestión.
ESTRIBELA
No caso de Estribela, os fondos serán asumidos en porcentaxes do 46,29% por parte do Ministerio; 18,60% da Xunta de Galicia; 19,43% do Concello de Pontevedra; e do 15,68% dos particulares.
Para reurbanización están previstos 10.710 euros e para rehabilitación, 154.593,27 euros. O resto é para pagar o equipo técnico de xestión.
Dende a sinatura do convenio, o Concello traballa na redacción das novas bases das próximas convocatorias. A porcentaxe subvencionable oscila segundo a convocatoria. A da pasada anualidade, no caso do centro histórico, foi do 45%, cunha contía máxima por vivenda de 15.000 euros, e nas fases anteriores o importe máximo subvencionable era do 35% cunha contía máxima de 11.000 euros por vivenda.
OBRAS DE REHABILITACIÓN
Coas axudas das ARI pódense acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios (agás acabados e decoración). Entran nestes proxectos obras de adaptación á normativa; eficiencia enerxética, espazos comúns dos edificios...