O Pazo de Quintáns foi escenario este xoves da firma do convenio de colaboración entre o Concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra para acometer a mellora da seguridade e mobilidade peonil na EP-9208 entre Noalla e Aios.
Trátase dunha actuación na que se investirán preto de 1,2 millóns de euros e que suporá a construción dunha senda peonil entre entre a igrexa de Noalla e o antigo cuartel.
As obras, que se licitarán en próximas datas, contarán cun prazo de execución de 9 meses.
O proxecto contempla ao longo de case un quilómetro de actuación unha senda na marxe dereita de 2,5 metros de ancho, mentres que na esquerda, debido á presenza de vivendas próximas ao viario, optouse por unha solución adaptada aos distintos tramos.
A estrada manterá o seu dobre sentido de circulación, pero se recolocarán as paradas de autobús nas zonas onde se proxectan pasos sobreelevados con puntos de luz.
Inclúese tamén a canalización das subministracións de electricidade, pluviais e telecomunicacións, así como a renovación de iluminación pública.
A mellora do espazo incluirá ademais áreas de esparexemento con zonas verdes con 11 árbores, 10 papeleiras, xardineiras, 10 bancos con respaldo.
"Comprometémonos a facer esta actuación e proximamente licitarase para facer un vial máis seguro para os veciños", sinalou tras a firma do convenio o alcalde, Telmo Martín, mentres que o presidente provincial, Luís López, defendeu que "os avances e melloras na nosa rede de estradas provinciais non poden esperar".