Pontevedra converterase o próximo 24 de xullo nun enorme circuíto de tríatlon o que, irremediablemente, provocará importantes restricións de tráfico e mobilidade en gran parte da cidade, sobre todo, na contorna do río Lérez e o centro histórico.
Para coordinar os dispositivos de seguridade para esta proba, que servirá de test para a gran final das Series Mundiais de tríatlon que Pontevedra acollerá en 2023, a Policía Local mantivo este martes dúas reunións cos diferentes corpos de seguridade.
Así, por unha banda, citouse á Policía Nacional e á Garda Civil, que estarán encargados de ofrecer seguridade aos participantes e espectadores e, por outro, a Bombeiros, Protección Civil e Emerxencias, que atenderán ás posibles incidencias que se produzan.
Nun principio, as restricións á circulación estarán vixentes entre as 09:00 e as 15:30 horas, mantendo pechadas ao tráfico as rúas Fernando Olmedo, Cruz Vermella, a Avenida de Bos Aires entre as pontes de Santiago e os Tirantes ou o centro histórico.
Xa pola tarde, entre as 15:30 e as 20:30 horas, coa disputa dunha segunda proba, o campionato autonómico de tríatlon, estas limitacións suavizaranse e abrirase Cruz Vermella e o centro histórico, mantendo o resto de rúa afectadas. Un cambio no circuito da proba permite dar saída á circulación por Cobián Rofficnac - Padre Amoedo cara a Avenida de Bos Aires sentido Marín.
En canto ao estacionamento, a partir das 23:00 horas do xoves xa non se poderá aparcar na Avenida de Bos Aires, entre a ponte dos Tirantes e a pasarela peonil da Illa das Esculturas, segundo consta no plan deseñado pola Policía Local.
Desde as oito da mañá do sábado 23 xa non se poderá estacionar no aparcamento disuasorio da rúa Juan Manuel Pintos, enfronte de pavillón municipal; e desde as 21:00 horas tampouco nas demais rúas afectadas.
Serían Pai Amoedo, Cruz Vermella, Salustiano Portela Paz, Sobrido Buhigas, Álvaro Cunqueiro, Avenida de Bos Aires entre a ponte do Burgo e o dos Tirantes, Pai Gaite, Fernando Olmedo, Celso Emilio Ferreiro, os viais do campus universitario e a Avenida de Compostela.
Os vehículos que estacionen con posterioridade á colocación dos valos serán denunciados e trasladados ao depósito do guindastre municipal, debendo abonar 315 euros en multas.
Ante calquera dúbida con respecto a todas estas restricións, a Policía Local habilitou o teléfono 986 83 30 80, ao que poderá chamar calquera persoa que estea afectada polas medidas para regular a mobilidade e os aparcamentos durante este evento deportivo.