As clases na 'nova normalidade' terán que adaptarse á situación creada polo coronavirus. Así se desprende do documento elaborado polos ministerios de Sanidade e Educación que fixan como será o regreso ás aulas a partir de setembro.
Este documento permitirá, segundo a ministra de Educación, Isabel Celaá, que volvan ao colexio "todos os alumnos", ao ofrecer un "marco común" que poida ser adaptado en cada comunidade e implementado "segundo a realidade de cada centro".
En liñas xerais, o Goberno propón que non haxa máis de vinte alumnos por aula e descarta o uso de máscara ou esixir que se garden as distancias de seguridade ata quinto de Primaria, é dicir, ata os nenos e nenas de dez anos.
Desde Infantil ata cuarto curso de Primaria, poderanse establecer grupos estables, idealmente con quince alumnos (máximo vinte), que poden socializar sen manter a distancia interpersoal de forma estrita, xa que é un grupo de convivencia estable.
Estes grupos reducidos, apunta o protocolo, deberán evitar a interacción con outros grupos do centro educativo, limitando ao máximo o número de contactos.
Isto, segundo os expertos, posibilitará o rastrexo de contactos rápido no caso de que se dese algún caso positivo ou sospeitoso da COVID-19.
Pola súa banda, en quinto e sexto de Primaria, en toda a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e no Bacharelato, os espazos nas aulas reorganizaranse de forma haxa unha distancia de separación de polo menos 1,5 metros entre as mesas de cada alumno.
Adicionalmente a esta distancia de seguridade, os colexios poderán incorporar elementos efémeros como mamparas ou paneis que faciliten a separación entre o alumnado asegurando, en todo caso, unha ventilación adecuada e a súa correcta limpeza.
Ademais, Educación solicitará ás comunidades autónomas que os centros educativos optimicen espazos complementarios como bibliotecas, comedores ou salas polivalentes para que poidan incorporarse á función educativa propiamente dita.
Con respecto ás máscaras, o seu uso non será obrigatorio ata cuarto de Primaria, salvo que os nenos saian da aula. A partir de quinto de Primaria, haberá que levala sempre que non se poida manter a distancia internacional, pero non fará falta se se está sentado no pupitre.
Os colexios deberán, entre outras medidas, utilizar preferentemente espazos ao aire libre para realizar as actividades educativas e de lecer e dispoñer dun protocolo de limpeza e desinfección que, polo menos unha vez ao día, deberá hixienizar os espazos.
Os aseos, pola súa banda, haberá que limpalos polo menos tres veces cada día e tamén haberá que ventilar as instalacións de maneira frecuente antes e despois da xornada lectiva e, na medida do posible, manter as xanelas abertas o maior tempo posible.
Se unha persoa comeza a desenvolver síntomas compatibles coa COVID-19 terá que ser levada a un espazo separado de uso individual, colocaráselle unha máscara cirúrxica (tanto ao que iniciou síntomas como á persoa que quede ao seu coidado) e contactarase coa familia e coas autoridades sanitarias.