Así será o Gran Montecelo, un hospital que segundo Núñez Feijóo "non ten volta atrás"

Pontevedra
18 de xullo 2017

Un hospital innovador, humanizado, ambientalmente sustentable e que atenderá a área sanitaria de Pontevedra durante o próximos cincuenta anos. Así resume a Xunta de Galicia o proxecto do Gran Montecelo, o hospital único que se construirá en Pontevedra a partir da ampliación do complexo hospitalario actual

Presentación do plan funcional do Gran Montecelo
Presentación do plan funcional do Gran Montecelo / Mónica Patxot

Un hospital innovador, humanizado, ambientalmente sustentable e que atenderá a área sanitaria de Pontevedra durante o próximos cincuenta anos. Así resume a Xunta de Galicia o proxecto do Gran Montecelo, o hospital único que se construirá en Pontevedra a partir da ampliación do complexo hospitalario actual.

O goberno galego, co seu presidente Alberto Núñez Feijóo á fronte, presentou este martes o plan funcional e de espazos do novo hospital. Fíxoo pola mañá ante os profesionais da sanidade pontevedresa e pola tarde ante os alcaldes da área sanitaria e representantes de colectivos sociais de Pontevedra e a súa comarca.

O Gran Montecelo, polo que apostou a Xunta tras abandonar o proxecto de Monte Carrasco, "non ten volta atrás", sinalou Núñez Feijóo durante a súa intervención. Será o hospital "que merece" a área sanitaria de Pontevedra e que estará pensado e deseñado, dixo, "para entrar na última fase do século XXI".

Este proxecto, do que destacou o seu "enorme calado" económico, social e arquitectónico, será o centro de referencia para 308.000 habitantes de vinte concellos -máis os seis do Salnés que tamén son atendidos no seu propio hospital-.

Investiranse nel 140 millóns de euros, 115 millóns para a construción dun novo edificio e outros 25 para reformar os inmobles actuais. A iso haberá que sumar o equipamento de "última tecnoloxía" que terá o Gran Montecelo e que, como sinalou Feijóo, "como todo o mundo sabe non é barato".

Sanidade espera que as obras da primeira fase do Gran Montecelo, que se centrarán na construción do novo edificio, comecen en 2019 e finalicen en 2021. A partir desa data preténdese executar a segunda fase, que supoñerá reformar o hospital actual e centralizar nel a atención sanitaria que se presta no Provincial e na Casa do Mar de Mollabao.

A pesar destes prazos, o presidente da Xunta pediu ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, "facer todo o que sexa" por parte do seu departamento para que o hospital estea listo "no menor tempo posible" como acurtar os tempos de tramitación, sen esperar a completar un paso administrativo para comezar o seguinte. 

Núñez Feijóo sinalou que o "contrato" que a Xunta presentou hoxe ante a sociedade pontevedresa "témolo que cumprir" e para iso, engadiu, "temos diñeiro para facelo" e a colaboración do Concello de Pontevedra para executar o abastecemento, o saneamento e a construción dos novos accesos ao hospital.

Con este novo hospital, subliñou o presidente da Xunta, dáse un paso máis na renovación do mapa sanitario de Galicia. O 70% da poboación galega, afirmou, vive nunha área que, desde 2009, conta cun hospital novo ou reformado e con novos centros de saúde, logrando así unha sanidade pública "máis próxima, máis humanizada e máis resolutiva".

Xunto a Feijóo e o conselleiro de Sanidade, ao acto tamén acudiron autoridades como os conselleiros de Presidencia e Facenda, Alfonso Rueda e Valeriano Martínez; os alcaldes de Pontevedra, Bueu, Marín, Ponte Caldelas, Barro, Cerdedo-Cotobade ou Moraña, entre outros; ou a subdelegada do Goberno, Ana Ortiz.

DETALLES DO PLAN FUNCIONAL

Vázquez Almuíña foi o encargado de expoñer os detalles do plan funcional do Gran Montecelo e celebrou este "día importante" para a sanidade pontevedresa, que terá un hospital que atenderá "desde pediatría a pacientes crónicos", con tecnoloxía de última xeración, cunha estrutura "pensada para as persoas" e que, arquitectónicamente, "será unha icona" de Pontevedra.

Trátase, engadiu, dun proxecto "de todos" xa que "por primeira vez" presentaron as súas achegas máis de 300 profesionais, unha decena de colectivos sociais e 2.379 cidadáns a título particular, estes a través das enquisas que estaban dispoñibles no propio hospital. Ademais, sinalou que o Gran Montecelo estará deseñado para albergar "melloras continuas e modificacións asistenciais".

Arquivado en