Así será Etiqueta Negra, un "escaparate de luxo" para o sector gourmet galego

Pontevedra
26 de setembro 2018

Máis de setenta expositores confirmaron xa a súa presenza na terceira edición de Etiqueta Negra, a feira dos produtos gourmet de Galicia, que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra os días 10, 11 e 12 de novembro

Presentación da feira Etiqueta Negra
Presentación da feira Etiqueta Negra / Mónica Patxot

Máis de setenta expositores confirmaron xa a súa presenza na terceira edición de Etiqueta Negra, a feira dos produtos gourmet de Galicia, que se celebrará no Recinto Feiral de Pontevedra os días 10, 11 e 12 de novembro.

Un ano máis, produtores, distribuidores e consumidores volverán citarse nunha feira xa consolidada que busca ser un "escaparate de luxo" para un sector primario galego que, segundo Anabel Gulías, conta con un modelo de negocio "sólido" e unha industria "por descubrir".

Pontevedra, segundo a concelleira de Promoción da cidade, "apostou forte" por un evento que, o pasado ano, atraeu a 6.400 persoas e que, ademais de servir de punto de venda directo para produtos gourmet chegados de toda Galicia, propiciou máis de 200 reunións de traballo.

Gran parte das empresas que participaron na pasada edición repetirán este ano, o que demostra segundo os organizadores o "alto grao" de satisfacción que xera esta feira, que ofrecerá "exquisiteces" tales como marmeladas, queixos, cervexas, viños, cafés, licores, vermús, galletas, patés, carnes, conservas, salsas e aderezos, tortas, doces ou xeados.

Ademais, as novidades chegarán da man de produtores que presentarán en Pontevedra elaboracións tan singulares como congro seco, carne de vaca cachena, hidromel, bebidas saudables ou botelo.

Todos eles márcanse como obxectivo coñecer as novas tendencias do sector, establecer novos contactos comerciais e difundir a excelencia dos produtos gourmet galegos.

Etiqueta Negra terá, un ano máis, unha programa de actividades "divertido e profesional", segundo Anabel Gulías, que contará coa colaboración de novas promesas da cociña e de chefs consagrados como Pepe Solla, Iñaki Bretal e Lucía Freitas, protagonistas da campaña de promoción da feira.

Ademais da actividade da zona expositiva, durante os tres días de feira haberá espectáculos de cociña en directo, cursos específicos para profesionais e público en xeral, conferencias, presentacións de produtos e novas liñas gourmet, degustacións, demostracións e exhibicións ou catas comentadas.

A cita está organizada polo Concello de Pontevedra e ten un orzamento de 50.000 euros. Estará aberta ao público os tres días. A entrada custará dous euros, pero se se adquire un bono para asistir toda a fin de semana haberá un desconto e pagarase cinco euros.