Así será a dragaxe do Lérez

Pontevedra
15 de xaneiro 2017

Esta semana foi publicado no Diario Oficial de Galicia o anteproxecto de dragaxe do río Lérez e o estudo de impacto ambiental. Portos de Galicia sométeos a información pública polo que xa está aberto o prazo para a presentación de alegacións. O obxectivo é conseguir calados entre tres e sete metros de profundidade con respecto á situación actual

Instalacións do Clube Naval de Pontevedra
Instalacións do Clube Naval de Pontevedra / Mónica Patxot

Esta semana foi publicado no Diario Oficial de Galicia o anteproxecto de dragaxe do río Lérez e o estudo de impacto ambiental. Portos de Galicia sométeos a información pública polo que xa está aberto o prazo para a presentación de alegacións.

O obxectivo é conseguir calados entre tres e sete metros de profundidade con respecto á situación actual.

Dragarase un tramo de 4,3 quilómetros, desde a bocana da canle de acceso ao porto ata as instalacións do Club Naval.

Afectará a unha superficie estimada de 264.500 metros cadrados para retirar 330.000 metros cúbicos de sedimentos, segundo a batimetría realizada en xaneiro de 2016. O material extraído utilizarase para rexenerar os bancos marisqueiros.

Utilizaranse dragas de succión e tamén mediante polbo e culler. Non se realizarán dragaxes en roca. Estes traballos obrigarán a retirar temporalmente os pantaláns do Club Naval

O orzamento total estimado é de 3.043.084,31 euros.

A execución da dragaxe terá unha duración de doce meses.