Así se manterá limpo o recinto da Feira Franca

Pontevedra
03 de setembro 2015

Un operativo especial garantirá que todo quede limpo a primeira hora do sábado logo da celebración da tarde e da noite do venres, durante toda a xornada do sábado haberá un retén e a primeira hora do domingo intensificarase o servizo para eliminar calquera rastro dos dous días de actividades

Días previos á Feira Franca 2015
Días previos á Feira Franca 2015 / Mónica Patxot

O recinto da Feira Franca será obxecto dunha limpeza continua durante todo o tempo que dure a festa, este venres 5 e este sábado 6 de setembro. Un operativo especial garantirá que todo quede limpo a primeira hora do sábado logo da celebración da tarde e da noite do venres, durante toda a xornada do sábado haberá un retén e a primeira hora do domingo intensificarase o servizo para eliminar calquera rastro dos dous días de actividades.

O operativo puxérono en marcha as concellerías de Servizos e Festas de xeito coordinado. Na mañá do sábado, participarán 19 traballadores, sete deles a pé; e terá apoio dun furgón soprador, tres varredoras, un lava beirarrúas e dous camións de recollida de lixo.

Para manter o recinto da Feira Franca en perfecto estado de limpeza, a empresa concesionaria Cespa tamén realizará o baleirado de papeleiras e recollida de lixo en distintos puntos do centro histórico durante toda a xornada do sábado. Segundo indicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, a atención centrarase este ano de xeito especial no entorno da Alameda.

O principal esforzo de limpeza chegará a partir das 6.00 horas do domingo. Participarán 58 persoas -30 a pé-, catro furgóns sopradores, catro varredoras beirarrúas, dúas varredoras de calzada, tres lava beirarrúas, catro camións de recollida de lixo e unha cisterna con auga para baldear.

Para sacar adiante o traballo o recinto da festa dividirase en cinco espazos de actuación: A Pedreira, A Ferrería, Teucro, Santa María e Alameda. En todos estes ámbitos – agás a zona da Alameda que se limpará ao remate de todo centro histórico co mesmo persoal-, traballarán seis ou sete peóns de limpeza e un de baldeo manual, ademais dos operarios que levarán un furgón sopradora, unha varredora de beirarrúas, un camión de recollida de lixo, en tanto que dúas varredoras de calzada e tres lava beirarrúas limparán todo o recinto.

Arquivado en