Así se distribúen as axudas para a hostalería do primeiro Plan de Rescate da Xunta

Pontevedra
23 de xaneiro 2021

A capital provincial lidera as achegas recibidas na zona, cun total de 464 persoas beneficiarias e 875 solicitudes aprobadas por un montante total de preto de 1,7 millóns de euros

Terraza dun bar
Terraza dun bar / Mónica Patxot

A Xunta informou dos detalles do Plan de Rescate para autónomos, microempresas e hostalería, aprobado a finais do pasado ano para paliar os efectos socioeconómicos das restricións das medidas sanitarias fronte á covid-19 neste sector e outros afectados pola pandemia. 

Nas comarcas de Pontevedra e O Salnés aprobou case 1.600 axudas para 922 titulares de establecementos hostaleiros. Deste xeito, estase a inxectarlle máis de 3 millóns de euros para superar a actual situación.

Pontevedra, a capital provincial, lidera as achegas compensatorias, xa que se tramitaron ata 857 por un importe total de case 1,7 millóns de euros.

Pola súa banda, os concellos de Poio e Marín tamén superan as 150 axudas aprobadas polo executivo autonómico e a continuación figuran, como principais beneficiarios, os hostaleiros dos municipios de Ponte Caldelas, Vilaboa, Bueu, Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade e Barro.

Na comarca de Salnés, a Xunta aprobou máis de 1.300 axudas para 734 hostaleiros, son máis de 2,2 millóns de euros.

Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa cursaron, conxuntamente, case 700 axudas e, en ambos casos, as percepcións para os hostaleiros roldan os 600.000 euros, respectivamente.

Pola súa banda, o Concello do Grove tamén supera as 200 axudas aprobadas e a continuación figuran, como principais beneficiarios, os hostaleiros dos municipios de Cambados, Vilanova de Arousa, Meaño e Ribadumia.

SEGUNDO PLAN DE RESCATE

No marco da liña de colaboración e apoio ao sector da hostalería consensuada cos seus representantes, a Xunta xa está a perfilar un segundo Plan de Rescate cun montante de alomenos 50 millóns de euros e que se orientará a paliar os efectos económicos das medidas sanitarias fronte a terceira vaga da covid-19.

Esta nova liña de compensacións directas, anunciada polo presidente, Alberto Núñez Feijóo, e que atende ás peticións dos representantes do Clúster de Turismo e da Mesa de Negociación da Hostalería, manterá o mesmo formato que a primeira con tres ordes que serán acumulables para este sector e compatibles coas percepcións anteriores, pero que esixirá menos requisitos e terá unha maior axilidade administrativa.

A intención da Xunta de Galicia, atendendo ao acordo no marco do diálogo social co sector da hostalería, pasa por activar este novo Plan de Rescate no mes de febreiro, pero previamente, o vindeiro luns, haberá unha reunion coas deputacións e a Fegamp para ver a posibilidade de que se sumen a estas achegas a través da creación dun fondo covid-19.

Dese xeito, o goberno galego estima que podería ser máis ambicioso, fortalecer o apoio ao sector e responder á súa demanda e á da cidadanía de actuar conxuntamente e sumando sinerxias nunha unidade de acción.