Tras os resultados das eleccións do 24 de maio, haberá unha nova composición na corporación municipal. De entrada, serán cinco as forzas políticas que estean presentes no Pleno tras a entrada de Marea Pontevedra e Ciudadanos. Iso si, Miguel Anxo Fernández Lores volverá presidir unha sesión onde haberá unha ampla maioría de concelleiros do BNG, doce dos vinte e cinco que a compoñen.
O BNG é, precisamente, o que menos cambios rexistra con respecto á corporación anterior. Ademais de Fernández Lores, repetirán Demetrio Gómez, Carme da Silva, Luis Bará, César Mosquera, Anxos Riveiro, Raimundo González, Carmen Fouces, Vicente García Legísima e Pilar Comesaña.
A eles súmanse dúas novas incorporacións, Anabel Gulías e Alberte Oubiña, responsable de Organización de Galiza Nova na cidade.
No seu caso, tan só abandona a corporación Miguel Filgueira, que non repite por decisión persoal.
Con sete edís queda o PP, que cae dende os once actuais. Jacobo Moreira liderará, previsiblemente, un grupo municipal onde só repiten María José Rodríguez Teso e César Abal.
Estréanse catro populares como concelleiros, os máis estreitos colaboradores do candidato durante a campaña: Aurora Cañizares, Rafael Domínguez, Tomás Abeigón e José Luis Martín.
Desafiando ás enquisas, o PSdeG-PSOE de Agustín Fernández logrou manter os tres edís cos que contaba durante os últimos catro anos. Xunto a el sentaranse a avogada Paloma Castro e Iván Puentes, exalcalde de Fene e profesor do campus de Pontevedra.
E os dous novos partidos na corporación achegarán tres caras novas. Marea Pontevedra estará representada polo seu cabeza de lista, Luis Rei, e por Mari Carmen Moreira, representante dos veciños dos Praceres; mentres que Ciudadanos contará coa empresaria María Rey como concelleira da formación de Albert Rivera na capital da provincia.
A nova corporación constituirase nun Pleno previsto para o sábado 13 de xuño.