Os 2.251.343 euros de remanente resultante dos Orzamentos Municipais de 2021 de Vilagarcía de Arousa financiarán: a compra do solar da Comandancia e a demolición de dúas naves do peirao do Ramal (que se levan 1.357.426 euros), e tamén destinaranse á realización de obras, como a execución do pump track da Florida (para o que se reservan 48.388 euros), a renovación da gaiola de lanzamento das pistas de atletismo (18.136 euros), ou a completar as partidas xa reservadas para a execución da glorieta de Fontecarmoa (con 37.628 máis) ou para reforma integral do pavillón de Fontecarmoa (con outros 245.233 euros).
Respecto á compra dos terreos da antiga Comandancia de Mariña e a demolición de dúas naves do peirao Ramal son dous dos grandes proxectos programáticos do goberno de Alberto Varela: a futura construción do novo centro de saúde no solar da Avenida da Mariña e a recuperación do peirao do Ramal para o uso público.
O destino final dos remanentes someterase á aprobación do Pleno deste mes de xuño. Unha vez realizado este punto xa só quedaría que a Autoridade Portuaria completase o trámite para poder formalizar a venta. Segundo a información facilitada ao alcalde, o organismo portuario levará tamén este mes ao seu Consello de Administración o informe de Portos do Estado autorizando a venta, quedando pendente unicamente recibir o visto bo da Facenda do Estado, trámite que se calcula podería completarse no prazo aproximado dun mes.
Unha vez materializada a compra, o Concello podería demoler o edificio, para o cal xa se está redactando o proxecto e xa existe dotación orzamentaria a través do crédito incluído no orzamento deste ano para executar a obra. Despexado o solar e totalmente libre de cargas –algo que se estima que estea no que queda de ano- o Concello porao a disposición do Sergas co obxectivo de que inicie canto antes a construción da nova e necesaria infraestrutura sanitaria, para a que xa se está redactando o proxecto construtivo e que se financiará con fondos europeos.
No que á recuperación do Ramal para uso público de refire, o Concello xa ten tamén encargada o proxecto de demolición das dúas naves, polo que a actuación tamén se podería executar ao longo do segundo semestre do ano. Trátase das dúas construcións situadas á entrada do peirao, ás que lle corresponden ao Concello segundo o acordo coa Autoridade Portuaria. As outras, as situadas máis adiante, quedan en propiedade do Porto, que actuará nelas para axustalas ao novo uso público que terá toda a zona do Ramal.
A distribución dos remanentes chegará a distintas concellerías con partidas de menor importe que as sinaladas anteriormente, que servirán para financiar actuacións ou programas concretos ou simplemente para incrementar os orzamentos dispoñibles polos departamentos.
Así, para a Fundación de Deportes resérvanse outros 14.758 euros para obras no almacén do campo de fútbol Manuel Jiménez; Cultura, Xuventude e Promoción Económica reciben dos remanentes partidas para melloras no Auditorio, o programa de Cine na Rúa, convenios con colectivos culturais e sociais, ou programas de colaboración co comercio e a hostalaría.
No apartado de incremento orzamentario, entre outras, tamén reciben fondos as partidas dedicadas á mellora de camiños veciñais (con 15.000 euros máis), Educación (30.000), Igualdade (10.000) e a gastos correntes da Fundación de Deportes (40.000) e do Conservatorio (20.000).
A proposta de distribución dos remanentes de 2021 someteranse á aprobación do Pleno ordinario que se celebra o vindeiro xoves, 30 de xuño.