Así funcionará a autocita a partir do luns: Erasmus, maiores de 50 e a través da web e a App do Sergas

Pontevedra
03 de xullo 2021

Galicia destinará o 5% das vacinas semanais a persoas que opten polo sistema de autocita. A partir do luns 5 de xullo poderán pedir cita a través da páxina web ou da aplicación para móbiles do Sergas os estudantes das universidades galegas que se vaian de Erasmus o próximo curso académico

Vacinación fronte á covid-19
Vacinación fronte á covid-19 /

Galicia destinará o 5% das vacinas semanais a persoas que opten polo sistema de autocita. Así o anunciou este sábado o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha comparecencia na que explicou o novo plan de vacinación, que afectará a unhas 2.000 persoas cada semana, aínda que o número exacto dependerá da dispoñibilidade de vacinas.

Comesaña explicou que a partir do luns 5 de xullo poderá pedirse esta autocita a través da páxina web ou da aplicación para móbiles do Sergas. Ese día xa poderán empezar a pedir cita os estudantes das universidades galegas que se vaian de Erasmus o próximo curso académico, que poderán recibir a primeira vacina xa o día 7.

O mércores 7 tamén poderán pedir autocita maiores de 50 anos que aínda non fosen vacinadas cando correspondeu ao seu tramo de idade. 

O sistema convivirá co ordinario de cita forzada a través de sms que funciona desde o inicio da inmunización. Nestes momentos o plan de vacinación ordinario está a citar aos tramos de idade de 30 a 39 con primeiras doses e maiores de 40 con segundas doses, de modo que estas dúas franxas non poderán recorrer ao sistema de autocita. Estas persoas recibirán o 95% do total de vacinas dispoñibles.

As persoas que opten pola autocita deberán identificarse na web ou a App do Sergas e se entra dentro dos colectivos que poden pedir cita, terán á súa disposición 40 ocos dispoñibles para poder elixir o que mellor se adapte ás súas necesidades. En total, o sistema ofrece 8.000 ocos no mes de xullo para que se vacinen estes dous colectivos.

As persoas dadas de alta no Sergas poderán identificarse a través da tarxeta sanitaria, a Chave 365 e o certificado dixital. Ademais, o sistema ábrese tamén a persoas dependentes de Muface, que terán un apartado específico para pedir cita identificándose co seu DNI, primeiro apelido e data de nacemento. 

No caso dos Erasmus, as tres universidades galegas proporcionaron a Sergas a listaxe dos estudantes que farán Erasmus e todos poderán ter vacinación anticipada. "Son persoas que nas próximas semanas van marchar para estudar fose e preocupábanos poder facer unha vacinación anticipada", segundo indicou Comesaña, que lembrou que é o mesmo criterio que xa se seguiu cos mariñeiros

Comesaña explicou que van seguir "priorizando" a vacinación por grupos de idade polo sistema de cita de SMS, pois está "a funcionar con éxito". En canto á autocita, en función de como evolucione a campaña de vacinación e a ferramenta, irase abrindo a máis grupos de idade e a novas "circunstancias especiais".

García Comesaña tamén deu a coñecer este sábado que a Xunta traballa en dous novos sistemas para obter o certificado de vacinación. Un será a través das oficinas de farmacia e outro a través do correo electrónico, tras a correspondente identificación do usuario.

Ademais, Sanidade está a traballar para que os maiores de 70 anos que non estean vacinados, poidan acudir sen cita a un punto de vacinación para que se lles vacine.