A Subdelegación do Goberno en Pontevedra, a través dos efectivos da Policía Nacional, as policías locais, Garda Civil e Protección Civil iniciou este luns a repartición dun total de 289.500 máscaras na provincia. Céntrase nos nodos de transporte e tamén entre os usuarios do transporte público, dado que o uso deste elemento de protección é obrigatorio no transporte público desde hoxe.
O dispositivo está preparado tras a recepción a fin de semana de todo o material enviado polo Executivo.
Desde primeira hora deste luns, o Goberno despregou un amplo operativo en Pontevedra para reforzar e dar cumprimento á medida anunciada o sábado polo presidente, Pedro Sánchez, que establece a obrigatoriedade do uso de máscaras no transporte público.
O Sistema Nacional de Protección Civil, baixo a coordinación da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior, está á fronte dun dispositivo que prevé a repartición, en todo o territorio estatal, de ata 6 millóns de máscaras entre este luns e o martes.
Esta medida coincide co inicio dun novo paso cara á "nova normalidade" coas aperturas dalgúns negocios e o incremento de mobilidade derivado das novas medidas que se irán implementando fase a fase.
A distribución, coordinada pola Delegación do Goberno coa cooperación da Consellería de Presidencia, ten como obxectivo garantir o uso obrigatorio de máscara nos transportes públicos colectivos.
Por provincias, en Galicia repartiranse 289.500 en Pontevedra, 344.000 máscaras na Coruña, 104.000 en Lugo e 98.000 en Ourense.
Estas unidades supoñen un novo paso no proceso de desescalada, tras a última repartición realizada polo Goberno en Galicia. En concreto, foron 602.000 máscaras as entregadas tras o permiso retribuído recuperable, que se realizou a semana do 13 de abril.