Así é o traballo das ONG galegas en Ucraína

Pontevedra
10 de abril 2022

Desde o estalido da guerra a finais de febreiro a Coordinadora  Galega de ONG de  Desenvolvemento non parou de recibir chamadas telefónicas de cidadáns que queren colaborar para paliar os graves efectos humanitarios da guerra de Ucraína. Unha guerra que, por darse ás portas de Europa, xerou unha resposta masiva da poboación que non sempre sabe como canalizar ese sentimento de solidariedade.

Persoas fuxindo da guerra en Ucraína
Persoas fuxindo da guerra en Ucraína / Sergi Camara (Entreculturas)

Desde o estalido da guerra a finais de febreiro a Coordinadora Galega de ONG de Desenvolvemento non parou de recibir chamadas telefónicas de cidadáns que queren colaborar para paliar os graves efectos humanitarios da guerra de Ucraína. Unha guerra que, por darse ás portas de Europa, xerou unha resposta masiva da poboación que non sempre sabe como canalizar ese sentimento de solidariedade.

Desde esta coordinadora, a todas esas persoas interesadas en colaborar díxoselles que a mellor opción é que acheguen, no que poidan, ás entidades especializadas en axuda humanitaria e xestión de crise para que poidan ter recursos e respaldo para realizar o seu traballo sobre o terreo.

A maioría do traballo céntrase en distribución de produtos de primeira necesidade, atención directa sanitaria e psicolóxica ás persoas que foxen dos bombardeos e coordinación da acollida de persoas refuxiadas, en primeira instancia na fronteira, e posteriormente a súa distribución por diferentes países. Especial atención, pola súa vulnerabilidade, están a tender os menores de idade e os adultos maiores.

Algunhas das ONGD galegas que agora mesmo están a traballar en terreo de forma coordinada con outras entidades de emerxencia son Médicos do Mundo, Axuda en Acción e Farmamundi, xa curtidas en atención de emerxencia, e Tierra de Hombres, Educo e Entreculturas, que tiveron que adaptar as súas accións en terreo á situación actual e puxeron
 a disposición as súas infraestruturas e persoal para atender a emerxencia.

MEDICOS DO MUNDO

Médicos do Mundo desenvolve o seu traballo en Ucraína dende 2015 reforzando o sistema público de saúde e chegando coas unidades móbiles a aquelas zonas onde os centros de saúde foron danados ou non contan con suficiente persoal sanitario. Tras o estalido do conflito as súas liñas prioritarias de traballo foron: solicitar información das necesidades sanitarias, entrega de material médico, despregar persoal de emerxencia no paso fronteirizo en Romanía para así asegurar a entrada do material, dar atención psicolóxica, crear un centro loxístico en Romanía para recibir e ordenar a axuda e crear centros de asistencia sanitaria básica en Chernitvsi e Siret (Romanía) para cubrir as necesidades de saúde tanto das persoas desprazadas como en tránsito.

Segundo explica explica Felipe Noya, socio voluntario de Médicos do Mundo España "o sector máis afectado é o das persoas maiores, que adoitan sufrir problemas de mobilidade e enfermidades crónicas e en moitos casos non teñen acceso ao tratamento adecuado. Ademais, as duras condicións invernais en Ucraína, unidas aos cortes de electricidade e calefacción aumentan o risco de enfermidades respiratorias e hipotermia".

FARMAMUNDI

Farmamundi, a través da súa área Loxística Humanitaria, activou o seu protocolo de emerxencia tras recibir unha solicitude de urxencia da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID). O sábado 26 de febreiro, cando aínda parecía que a posibilidade do conflito armado só era un mal soño, saía a primeira subministración desde a base aérea de Torrexón de Ardoz para enviar a Ucraína. O 4 marzo iniciou unha intervención de acción humanitaria directa en Ucraína, na rexión de Poltava, a través da que se atenderon a 8.600 persoas desprazadas internas, as 65% mulleres e nenas. As prioridades agora son a repartición de paquetes nutricionais para menores, kits de dignidade específicos para mulleres, incluíndo kits de hixiene e de protección Covid19, e tamén mantas e roupa de abrigo para as persoas máis vulnerables.

A área de Loxística Humanitaria de Farmamundi é a única distribuidora de medicamentos e material sanitario sen ánimo de lucro de España. Contan con acreditación da Comisión Europea en transparencia e calidade, para a subministración internacional de produtos farmacéuticos e sanitarios de carácter humanitario.

AXUDA EN ACCION

Axuda en Acción canaliza a atención de emerxencia a través dos socios europeos da rede Alliance2015. É dicir, socios que coñecen moi ben o terreo e ás organizacións locais. Están a centrarse en facilitar acceso a auga e comida. Distribución de material de primeira necesidade, como alimentos, artigos de hixiene, cueiros, sacos de durmir ou colchóns. Están tamén proporcionando tendas de campaña, mantas, pequenos equipos de calefacción e teléfonos, computadores portátiles e impresoras para coordinar mellor as actividades da sociedade civil e as ONG locais. En Ucraína, operan desde unha nova oficina en Leopolis/Lviv, desde onde preparan unha resposta que lles permita chegar a outras zonas do leste do país; levando material de primeira necesidade, proporcionando diñeiro en efectivo para que as persoas desprazadas e familias de acollida poidan atender mellor as súas necesidades e a través do apoio aos centros de acollida establecidos no país.

Tamén están presentes nos postos fronteirizos de Polonia, Moldavia e Eslovaquia, creando espazos seguros de atención e descanso para mulleres desprazadas, xa que, en situacións de conflito, o risco de violencia de xénero e trata aumenta.

"Os pasos fronteirizos están abertos, pero o fluxo vese a miúdo obstaculizado pola burocracia. A xente espera en colas de ata seis ou doce horas nalgúns lugares, o que supón un verdadeiro reto, especialmente durante as noites xeadas. O positivo é que, ata o de agora, a maioría dos refuxiados parecen saber onde van: amigos, familiares, coñecidos...", di Marek Štys, xefe de axuda humanitaria de People in Need, presente na fronteira. "Pero, por suposto, isto pode cambiar co paso dos días a medida que o conflito se intensifica. Se chega unha onda de refuxiados sen contactos e pide asilo, toda a situación podería complicarse seriamente", engade Štys.

Está a terse moi en conta as necesidades das mulleres desprazadas mediante a creación de espazos seguros de atención e descanso. No próximos tres meses unhas 80 000 mulleres chegarán ao final do seu embarazo en Ucraína e terán que afrontar un parto sen acceso a servizos básicos, poñendo en risco a súa saúde e a dos seus bebés.

FUNDACIÓN EDUCO

Fundación Educo está presente en Ucraína a través da rede ChildFund Alliance, unha plataforma internacional formada por 11 entidades que teñen por obxectivo garantir a protección de nenos e adolescentes. Nestes momentos prestan apoio a través de ChilFund Alliance Alemaña quen ten presenza en Ucraína desde o ano 2004, aumentando a súa implicación neste territorio en 2014 por mor do conflito na Península de Crimea. Aínda que os seus obxectivos na zona eran proxectos educativos e de saúde, estas últimas semanas tiveron que adaptarse a marchas formadas á emerxencia, reorientando a actividade para proporcionar apoio para satisfacer as necesidades básicas da poboación ucraína.

As principais zonas de intervención no país son Kyiv, Mariupol, Pyrjaty, Poltava e Ismail e ata o momento chegouse a prestar apoio a 2.000 menores.

Educo traballa para adaptar os seus programas á situación actual, pero ata o de agora enfocáronse nas seguintes liñas: distribución de alimentos e artigos básicos, provisión de medicinas, atención a familias que busquen refuxio en países veciños e primeiros auxilios psicolóxicos.

Pilar Orenes, directora de Educo, explica que "estamos traballando na evacuación de nenas e nenos que viven en internados da cidade de Leópolis para trasladalos a zonas rurais ou incluso a países veciño. De momento se puido trasladar a un grupo importante de menores de idade en Lysychansk despois de que o tren no que viaxaban fora atacado. Tamén se creou un refuxio para 100 familias na cidade de Izmail, ao suroeste do país".

Orenes sinala que “a poboación civil así como as infraestruturas civís como hospitais non poden ser branco dun ataque, tamén  pedimos o máximo respecto as organización humanitarias que traballan en Ucraína, os traballadores humanitarios non poden ser targets e debe garantirse a súa protección e acceso aos lugares mais necesitados de axuda".

”É imprescindible garantir a protección de todos e cada un destes nenos e valor polo pleno cumprimento dos seus dereitos. O ataque masivo contra civís, a toma de rehenes ou o uso de bombas non guiadas, bombas tontas, representa unha grave violación do dereito internacional humanitario", salienta.

ENTRECULTURAS

Entreculturas é unha entidade especializada en atención educativa que está integrada por centros xesuítas, pero puxo en marcha ao seu persoal e infraestruturas para paliar os efectos desta guerra. Agora mesmo está a operar no interior de Ucraína coa asistencia básica na recepción, aloxamento temporal e bens de primeira necesidade a persoas desprazadas internamente pola guerra, así como organización de transporte seguro a Polonia.

Unha vez alí ofréceselles asistencia humanitaria desde o momento que cruzan a fronteira ata o proceso de facilitar a súa integración na comunidade de acollida. Atendeuse xa a unhas 2000 persoas, principalmente nais con fillos, adultos maiores, persoas feridas e enfermas.

“Agora mesmo o maior reto é asegurar aloxamento e consultoría xurídica para quen quere pedir asilo en Romanía. Hai que ter en conta que anualmente a media de solicitudes de asilo é de ao redor de 6.000, mentres que este ano tivemos 3.200 en dúas semanas”, comenta Marius Talos SJ, director do Servizo Xesuíta a Refuxiados ( JRS) Romanía.

Este mesmo proceso que repite no resto de países fronteirizos como Hungría e Romanía onde se lles facilita aloxamento temporal, alimentación, acceso a saúde, apoio psicolóxico, asistencia legal e apoio educativo.

TIERRA DE HOMBRES

Tierra de Hombres está a realizar intervencións directas apoiando aos refuxiados ucraínos nas fronteiras e nas instalacións de acollida creadas en países de tránsito e/ou destino (Moldavia, Hungría, Romanía), repartindo kits de hixiene e proporcionando espazos amigables para os nenos con equipos multidisciplinarios.

“Debido ao drástico cambio de contexto, tivemos que tomar a dolorosa decisión de interromper as nosas actividades en Ucraína, debido a que están situadas no leste do país, gravemente bombardeado desde o 24 de febreiro, e centrarnos na protección do persoal. Ao mesmo tempo, queremos utilizar a nosa longa experiencia na rexión e os nosos recursos para despregar equipos de Tdh nos puntos de entrada das fronteiras dos países veciños ou/e nos centros de acollida onde as nais e os nenos máis o necesiten”, comenta un dos seus responsables.

Ademais, forma parte da Alianza para a Protección da Infancia na Acción Humanitaria que traballan para garantir a protección da infancia da violencia e a explotación sexual.

 

Arquivado en