O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou este sábado a obra do búnker de radioterapia do Hospital Gran Montecelo que, unha vez que entre en servizo evitará que os enfermos oncolóxicos de Pontevedra teñan que desprazarse a Vigo para recibir este tratamento.
Trátase dunha estrutura de 430 metros cadrados que, segundo Comesaña, "ten como eixo fundamental a seguridade".
No seu interior, vai acoller dous aceleradores lineais que a Xunta adquiriu por máis de catro millóns de euros.
Para a construción desta instalación emprégase formigón mesturado con barita, un tipo de formigón de características especiais, que confiren unha elevada densidade, un 30% maior que o formigón armado habitual.
Ademais, para extremar a protección do persoal e dos pacientes, o espazo interior distribúese en forma de labirinto, "garantindo que a zona de exposición aos tratamentos radiolóxicos estea sempre separada e illada da zona de control médico".
Na súa intervención, Comesaña dixo que a Xunta levou a cabo o pasado ano un proceso de renovación de alta tecnoloxía nos hospitais galegos, "que implicou a adquisición de máis de 67 novos equipamentos, por un importe de 76 millóns de euros". En concreto, no que se refire ao Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o Executivo galego adxudicou oito equipos, por máis de nove millóns de euros.
Destes oito equipos para o hospital da cidade do Lérez, o conselleiro explicou que un é unha nova resonancia e dous novos TACs, dos que un deles incorpora a tecnoloxía espectral, máis precisa e con menor dose de radiación. Os cinco equipos restantes, ademais dos dous aceleradores lineais para radioterapia, son un equipo de cardioloxía intervencionista, que permitirá dispoñer do servizo de hemodinámica nesta área; ademais dun TAC de planificación e unha gammacámara para crear o servizo de medicina nuclear.
Segundo remarcou o conselleiro, a intención da Xunta é ter listo o máximo equipamento dispoñible para poñer a andar esta nova infraestrutura hospitalaria en canto finalice a obra en 2024.
Para finalizar a súa intervención, Comesaña dixo que o Gran Montecelo será un hospital "absolutamente preparado para os retos de futuro", con "máis capacidade e máis servizos para os máis de 300.000 veciños e veciñas dos 26 concellos desta área".
En concreto, estes novos servizos permitirán "que preto de 500 pacientes que cada ano tiñan que desprazarse a Vigo para recibir a atención dos servizos de radioterapia, medicina nuclear ou hemodinámica, poidan tratarse en Pontevedra".