Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, visitaba este venres as obras de rehabilitación da Casa Consistorial situada na praza de España, "o edificio máis representativo da cidade", segundo afirmou o rexedor que realizaba o percorrido acompañado por responsables da UTE que executa as obras formada pola compañía pontevedresa Construcciones Ramírez e a portuguesa Revivis, ademais da arquitecta Gracia Amandi, de Uña-Amandi Arquitectos.
Gracia Amandi explicaba, como xa se adiantou, que a entrada habitual ao inmoble se realizará pola Rúa Alhóndiga. No vestíbulo haberá un mostrador e un ascensor amplo para permitir o acceso das persoas con dificultades de mobilidade. Nesta zona manterase unha case tripla altura, con luminarias para que este espazo de entrada gañe en "monumentalidade", segundo explicou a arquitecta.
"Estamos a tentar contar a historia deste edificio, que ofrece dous niveis de traballos de pedra diferentes, unha traballada en sillar e outra máis bruta", indicaba durante a visita para comentar que o edificio nacía onde empezaban as pedras traballadas. "Éntrase pola antiga cimentación do edificio orixinal de Sesmeros", afirmou. Nos anos 50 decidíase realizar unha ampliación e escavaron para aumentar o nivel da planta baixa. Por este motivo, o proxecto contempla tamén que quede á vista un forzado de formigón desa época para que se vexa onde se apoiaban as vigas de madeira.
Amandi indicaba que na planta onde permanecerá a alcaldía manterase o espazo para a sala de plenos cunha estrutura diáfana. Alí realizaranse os actos institucionais. Explicaba que agora se aproveitará a luz natural do lucernario orixinal.
A arquitecta recoñecía que xa se entrou na fase de acabados. "Todo se está a facer artesanalmente. Hai moitas conversacións para ver como se fan as cousas. As instalacións están moi avanzadas", asegurou indicando que se están colocando os teitos e reformulando solos.
Admitía que a instalación do sistema de climatización neste edificio é o máis complexo ao "non estar preparados" nin ter espazos para a maquinaria necesaria. Por iso este material inclúese na parte de cuberta ou na zona que ocupaban os antigos baños, quedando ocultos. Utilizaranse forrados de madeira de castiñeiro, pedra e mármore branco como elementos básicos do interior.
Miguel Anxo Fernández Lores sinalaba que é un "traballo marabilloso" e avanzaba que espera que este verán se poida ler o pregón das Festas da Peregrina desde o balcón, se a segunda planta se atopa xa parcialmente rehabilitada para o seu uso. Lembrou que o edificio se destinará a recepcións oficiais, vodas e actos populares como a visita dos Reis Magos.
O alcalde destacaba o "exquisito respecto polo edificio, para coñecer a súa historia e ser operativo para o século XXI" e destacou o traballo das empresas construtoras para cumprir os prazos co obxectivo de que toda a rehabilitación finalice antes de 2024.