O avance da quinta onda da pandemia continúa contido na área sanitaria de Pontevedra e Salnés, que segue reducindo o número de casos activos e con apenas cambios nos hospitais. Este xoves 26 de agosto hai 18 pacientes ingresados, o mesmo número que o día anterior, aínda que houbo pequenos cambios porque hai un paciente máis na UCI e faleceu unha muller ingresada en Montecelo.
Segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde, na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo hai cinco pacientes, un máis que o mércores, e outros 13 están ingresados en planta de hospitalización. Son 11 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, o mesmo número que o día anterior, e dous no Hospital do Salnés, tamén sen cambios.
A diferenza é que este xoves non hai ningún no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez e que en Montecelo faleceu a citada muller, de 84 anos e que presentaba patoloxías previas.
Durante a última xornada, entre as seis da tarde do martes e a mesma. hora do mércores, confirmáronse 38 novos positivos de covid-19 na área sanitaria. Foi nun día no que se realizaron 848 probas PCR e un número non coñecido de test de antíxenos.
En total, hai 795 casos activos de covid-19, 33 menos que o día anterior porque nesta mesma xornada déronse 71 altas a pacientes. Do total de casos activos, 777 son persoas asintomáticos ou con síntomas leves que evolucionan no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse 20.054 pacientes e faleceron 199. Realizáronse un total de 291.831 probas PCR.
EVOLUCIÓN EN GALICIA
Segundo a información oficial da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 9.486, 294 menos que o mércores, despois dunha xornada na que se confirmaron 498 novos positivos.
Do total de casos activos, 2.609 son da área da Coruña, 1.377 da de Lugo, 688da de Ourense, 795 da de Pontevedra, 2.073 da área de Vigo, 1.248 da de Santiago e 696 da de Ferrol.
Nos hospitais galegos hai 274 pacientes, 59 en UCI -4 máis que o día anterior- e 215 en unidades de hospitalización. Os outros 9.212 restantes están en corentena no seu domicilio.
Polo de agora, en Galicia hai un total de 164.551 persoas curadas e faleceron 2.552.
O número de PCR realizadas é de 2.717.815 e o número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 3.984.140.