O Concello de Pontevedra iniciou este xoves a primeira fase da mellora dos firmes das rúas da cidade.
Os traballos inclúen pavimentacións completas e rehabilitacións de tramos. As actuacións continuarán o venres e o sábado no barrio de Monte Porreiro, A Seca e en Eduardo Pondal.
Precisamente este xoves, o portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado polos concelleiros Juan Manuel Muñoz e Silvia Crespo, reclamou a creación de máis prazas de estacionamento público para os veciños e comerciantes de Monte Porreiro.
Segundo sinalou Domínguez, a falta de prazas de estacionamento "é unha das principais preocupacións en Monte Porreiro", xa que a maioría dos edificios non dispoñen de garaxes. o que obriga aos veciños e visitantes a estacionar na vía pública.
"O problema vese agravado pola falta de prazas debidamente delimitadas e polo estado de abandono dalgunhas zonas, que carecen dunha infraestrutura básica que garanta a seguridade e comodidade para os usuarios, cubertas de maleza, sen pintar e sen acondicionar", engadiu a concelleira Silvia Crespo.

O PP tamén criticou que o Concello "en lugar de ampliar os espazos de estacionamento, decidiu reducir a súa dispoñibilidade coa creación de máis zonas de servizo e carga e descarga".
Os populares puxeron de exemplo as novas prazas da rúa Grecia, cun uso limitado de 15 minutos, "cando só hai un establecemento", ou as da rúa Luxemburgo, "que non benefician ao comercio local e dificultan a circulación pola zona".
"A consecuencia destas medidas é un grave prexuízo tanto para os residentes, que teñen aínda máis dificultades para atopar aparcamento, como para os comerciantes, que ven limitada a súa capacidade para recibir mercadorías e recibir clientes potenciais debido á falta de alternativas viables de estacionamento", subliñou a edil.
Por todo isto, o Partido Popular insta ao goberno local a actuar con urxencia para solucionar esta problemática.