As zonas de baño de Tourón e Xustáns, preparadas para o verán

Ponte Caldelas
05 de xullo 2017

A brigada de obras de Ponte Caldelas estivo a arrombar estes días os espazos que os veciños de Tourón e Xustáns utilizan para  bañarse nos días máis cálidos do verán. Fíxose unha limpeza integral tanto dos vasos como da contorna natural, que foi sometida a unha corta de broza exhaustiva

Zona de baño habilitada en Xustáns
Zona de baño habilitada en Xustáns

A brigada de obras de Ponte Caldelas estivo a arrombar estes días os espazos que os veciños de Tourón e Xustáns utilizan para bañarse nos días máis cálidos do verán. Fíxose unha limpeza integral tanto dos vasos como da contorna natural, que foi sometida a unha corta de broza exhaustiva.

No caso de Tourón, os veciños construíron unha pequena piscina, deseñada con criterios de seguridade, que foi mellorada nos últimos anos cun valado perimetral. Está abastecida por unha fonte, polo que ao conter auga sen tratar require de periódicas limpezas das que se responsabilizan os propios veciños.

Non obstante, ao comezo da temporada estival o Concello colabora coa posta a punto xeral. O espazo inclúe unha carballeira con mesas e cadeiras de pedra e un antigo pilón, que a día de hoxe case non é utilizado.

En Xustáns, os veciños recuperaron como zona de baño unha antiga balsa de reserva e protección contra os incendios forestais. Está situada preto do cemiterio novo.

O pasado ano foi obxecto dunha profunda limpeza polo Concello, pois o fondo contiña varios centímetros de lodo que foi preciso retirar ata facer aflorar o formigón. Este ano a limpeza resultou máis sinxela. Ao igual que en Tourón, abastécese cunha fonte natural, o que garante a renovación continua da auga, nunha paraxe dunha gran beleza.

O alcalde, Andrés Díaz, supervisou estes días os traballos e subliñou que o Concello seguirá colaborando de xeito estable cos veciños nos próximos anos para mantelos en perfectas condicións.