"O importante é que as xornadas teñan un contido positivo. O monte non é só lumes, o monte galego é o máis produtivo de Europa e temos que poñer en valor todo o que hai arredor del", sinalou o concelleiro coordinador do Rural, Demetrio Gómez, a modo de conclusión ao remate da xuntanza mantida este mércores con distintos axentes do mundo forestal co fin de avanzar na organización das que serán as terceiras xornadas do monte que promove o Concello de Pontevedra e que teñen lugar no outono.
A xuntanza asistiron ademais de Demetrio Gómez, o concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña e representantes da Mancomunidade de Montes de Pontevedra; a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, a Escola de Capataces de Lourizán, a Escola de Enxeñería Forestal e dos servizos técnicos municipais.
O obxectivo do encontro era avanzar na coordinación e contido das xornadas e neste senso acordouse centrar o encontro nas infraestruturas do monte, nos espazos naturais da contorna urbana e a súa conexión coas cidades e os municipios, mais poñendo exemplos do que se está a facer.
Demetrio Gómez amosou a súa satisfacción polo feito de que o sector de investigación forestal que hai en Pontevedra e a Mancomunidade subliñen que hai exemplos en Pontevedra e Galicia máis que de sobra de como traballar ben o monte sen ter que ir a buscalos fóra do país.
"É unha grandísima nova escoitar aos que máis saben do monte de que en Pontevedra e no país estamos a traballar ben", sinalou.